É unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo ou ano, é sobre todo no mes de novembro, e no 25N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller–, cando a acción desprega a súa actividade de forma máis intensa.
Dende o seu inicio buscouse implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e mais dos asasinatos machistas.
Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.
Como me podo unir á acción?
Calquera pode participar tinguindo o seu lugar de traballo de negro, realizando obradoiros e charlas que lles dean voz ás mulleres e que sensibilicen contra as violencias machistas.
Os concellos, empresas e asociacións que se adhiran deberán ter un compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar a poboación e os axentes sociais e económicos para tinguir de negro as vilas e cidades galegas. Para elo deberán asinar un documento de Adhesión á campaña “en negro contra as violencias”, para personalizar a marca de En Negro co nome da súa empresa.
Para axudar e implementar a campaña facilitámosvos un material de código aberto e acceso libre, baixo licenza CCC (Recoñecemento – NonComercial – CompartirIgual [by-nc-sa], isto é, débese recoñecer axeitadamente a súa autoría, non se permite un uso comercial da obra orixinal nin das posibles obras derivadas, a súa distribución debe facerse cunha licenza igual á que regulamenta a obra orixinal).
O material pódese descargar a través da web da campaña ennegrocontraasviolencias.gal. Esas serán as únicas imaxes oficiais da campaña e estarán suxeitas a unha licenza CCC.
Para participar enche o formulario na páxina de Adhesión