Non podemos enmudecer no confinamento
Ante o COVID19 puxémonos en acción para tratar de paliar a situación que están a sufrir moitas mulleres no confinamento.
O estado de alarma no que nos atopamos, coloca nunha situación extremadamente delicada a moitas mulleres que teñen que convivir co seu agresor. Se é dura esta circunstancia para calquera, podémonos imaxinar a tensión que poden estar a vivir algunhas mulleres nas casas, ter que soportar violencias e agresións que poden mesmo levar á expresión máis extrema, como foi o caso da muller de Castellón, asasinada diante dos seus dous fillos menores de idade no seu domicilio.
Existen xa datos que demostran que durante o confinamento en China observouse un repunte da violencia de xénero. Fronte a esta situación o Ministerio de Igualdade impulsou un Plan de continxencia. Pero, ademáis de difundir esta e calquera das accións que se propoña, consideramos que a implicación social e veciñal é agora máis necesaria que nunca, é necesario que activemos a situación de alarma para que non sucedan casos como o veciño de Castelló que di escoitar berros “pero que non lle deu importancia pensando que sería unha celebración” así o recolle o xornal Público. Por iso é tan conveniente sensibilizar á sociedade sobre a importancia da violencia de xénero porque iso activará máis pronto a alarma, é importante tamén informar que calquera pode chamar ao 112 ou ao 016, que é obrigatorio facelo porque a violencia machista é un delito público e temos a obriga de denuncialo.
Fronte a esta nova situación, pensamos e deseñamos rótulos específicos que podedes descargar aquí, imprimir e pegar nas entradas dos edificios, ou nas tendas do barrio. O rótulo ‘A veciña contra as violencias’, está pensado para pegar nos nosos edificios, podemos escribir o noso nome e teléfono ou o mail por se alguén necesita falar ou contactar connosco, co convencemento de que a solidariedade é unha boa vacina contra o machismo.