Este ano En Negro Contra as Violencias fundamenta a súa campaña no activismo virtual
Este ano En Negro Contra as Violencias fundamenta a súa campaña no activismo virtual.
Un novembro máis arranca a campaña En Negro Contra as Violencias.
En Negro 2020, un ano transcendental Contra As Violencias.
- Ante a crise sanitaria actual e as restricións de mobilidade e distanciamento social, a acción envorcarase, sobre todo, nas redes sociais.
- A acción social En Negro Contra As Violencias continúa un ano máis expandíndose e tinguindo de negro espazos públicos e privados.
- Constituída por diferentes entes, a plataforma pretende poñer fin ás diferentes formas de violencia contra as mulleres polo simple feito de selo.
No quinto ano de percorrido da campaña, esta conta coa participación de 2 deputacións, 140 concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. En total, preto de 500 entes que se organizan mediante unha plataforma para loitar contra as violencias machistas. Ademais, miles de establecementos apoiaron durante estes anos a acción cubrindo de negro os seus escaparates e lugares de traballo.
Neste ano, no que a emerxencia sanitaria pola pandemia obrigou ao confinamento domiciliar, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres fíxose, se cabe, máis difícil. Así o denunciou a Organización Mundial da Saúde (OMS), instando ós gobernos a tomar medidas urxentes de prevención para facilitar, deste xeito, a asistencia ás mulleres que se puideran atopar en situación de vulnerabilidade ou perigo.
En Negro Contra As Violencias demostrou ser unha ferramenta moi útil para que os concellos –grandes e pequenos– puidesen implementar, desde o mesmo marco, diferentes iniciativas que na suma total constituísen unha única grande acción. Este ano, preténdese do mesmo xeito unir forzas e tinguir de negro, non só os establecementos, senón tamén as casas, as rúas e as redes sociais. Conscientes das dificultades actuais para organizar accións presenciais, este ano centraranse os esforzos en actividades virtuais. A primeira tivo lugar o pasado 4 de novembro, a través dunha reunión virtual con preto de noventa participantesco obxectivo de poñer en rede as diferentes actividades que se están a programar.
Algunhas das propostas globais que xa están en marcha, en diferentes lugares, son: distribución de máscaras (co deseño que xa se pode descargar na web), pezas audiovisuais, accións con tecedoras, así como a creación de ferramentas colaborativas para recoller as voces das mulleres, como será o lenzo a modo de pancarta virtual que colgaremos da nosa web, un proxecto procesual –ideado polo colectivo de Gráficas en Negro– que aposta pola aprendizaxe colectiva. Estas ferramentas axudan tamén a crear pontes, así este ano contamos coa participación dun colectivo de México, Global Shapers, dende o que están a traballar para tinguir de negro o centro de Morelia.
Igual que en anos anteriores, o proxecto a nivel global, conta co patrocinio de Gadis e Finsa, garantindo a coordinación e o desenvolvemento das accións globais e co apoio das deputacións de Pontevedra e Lugo para os seus respectivos territorios.
En Negro contra as violencias, é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde en 2015 en Santiago de Compostela co impulso da Administración Local, crecendo e involucrando ano tras ano a un maior número de concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de forma viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo o ano, é sobre todo no mes de novembro e, concretamente, no 25 N -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller-, cando a acción desprega a súa actividade dunha forma máis intensa.
Desde o seu inicio buscouse implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento ás violencias de xénero e aos asasinatos machistas.
Tamén se apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, empresas, establecementos comerciais e axentes sociais.
Para máis información:
https://ennegrocontraasviolencias.gal
Presentación de Gráficas en Negro
Contacto prensa:
Uqui Permui
ennegrocontraaviolencia@gmail.com