Ver todas as novas
  • webinar-en-negro-2020

Webinar 2020

4 de Decembro de 2020

O 3 de decembro realizamos unha webinar que tiña como obxectivo, por un lado, facer memoria destes seis anos, e por outro, darlle visibilidade as diferentes accións que se desenvolveron durante este ano, ou coñecer o programa das que aínda se ían a realizar, como era o caso de Morelia en México.

Así daba comezo Ana González Liste o programa: “Benvidas, benvidos a este webinar de En Negro Contra As Violencias, a acción social colectiva de sensibilización contra as violencias machistas que agromou en Compostela e en seis anos logrou traspasar as fronteiras galegas e mesmo cruzar o Atlántico. Hoxe imos facer balance desta iniciativa que conta coa participación de dúas Deputacións: Lugo e Pontevedra, que logo teremos a ocasión de falar con elas, 140 concellos, 210 empresas, 155 colectivos e 72 centros de ensino. Contamos xa con preto de cincocentos entes organizados nunha mesma plataforma.

Pero antes queremos lembrar a Soledad Rey, asasinada polo seu marido onte na parroquia de Mañufe, en Gondomar, e ao seu fillo, menor de idade, agora orfo de nai. O movemento feminista prepara concentracións por toda Galicia para este venres. Neste 2020 van 81 mulleres asasinadas por homes no Estado, tres delas en Galicia.

En Negro Contra As Violencias fica latente durante todo o ano, mais desprega a súa actividade máis intensa contra o 25 de novembro, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O seu obxectivo segue a ser o rexeitamento colectivo das violencias de xénero e dos asasinatos machistas, un rexeitamento no que buscou implicar, nestes anos, o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía.

Identificar o machismo é o primeiro paso para erradicalo. E desde En Negro Contra As Violencias trabállase na visibilización dos comportamentos e expresións machistas que todas e todos vemos acotío.”

A partir de aí, Uqui Permui fixo un breve repaso visual e conectamos con Marta Lois, e  Lucia  Canoura que explicaron como foi e con que atrancos atopáronse no inicio da acción.

Fixemos unha  seleccion e edición entre os vídeos que recibimos, e entre estes visionados puidemos falar con María Loureiro deputada de Muller e igualdade da Deputación de Lugo e con Vitoria Alonso deputada provincial de Cultura en Pontevedra.

Por parte dos concellos, contamos tamén coas representantes de Narón e Santiago de Compostela, Mar Gómez e Mercedes Rosón. Estaba tamén prevista a conexión con Mariluz Álvarez, Concelleira de Ribadeo, pero xurdiulles un problema a última hora que non permitiu a conexión.

María Xosé Porteiro, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, enviounos un comunicado sobre o ciclo que están a desenvolver no CCG, e recollimos unha pequena parte da intervención, na comisión de reactivación pola pandemia no Parlamento galego, da economista Carmen Castro.

Outro momento interesante da webinar foi a charla que tivemos con Luz Cachafeiro do departamento de RRHH de Finsa. Esta empresa, xunto con Gadisa, son as nosas patrocinadoras dende o comezo, e unha das nosas mellores embaixadoras.

Dos colectivos, falamos con Myriam Cea de Gráficas en Negro que nos explicou o obxectivo da nube, proxecto que se pode ver nesta web. Tamén falamos en directo coa catedrática de Filosofía Chis Oliveira e Priscila do Comando Igualdade. Dende México, conectamos con Claudia Venegas do Global Shapers de Morelia que están a organizar por primeira ver Morelia en Negro. E pechamos a conexións con Paula Gárate, presidenta de ASCM de Galicia, asociación que loita pola plena inclusión das persoas con discapacidade.

Pero mellor ver o vídeo!

E ademais subimos todas as imaxes que nos foron chegando a un álbum de Flickr.

Lembrade que se vos subscribides tanto ao canal de YouTube como ao de Flickr, ademais de ter acceso máis rápido nos visibilizamos máis.

 

Moitas Grazas

2020