Resumo da enquisa sobre En Negro 2019
Cando se iniciou a campaña Compostela en Negro no 2015 co impulso do Concello, non podiamos imaxinar que esta acción chegaría a ter un percorrido tan longo, nin tan grande expansión; este ano atangueu 139 concellos, cun grao de implicación e actividade moi altos, ademais sumáronse máis de catrocentas asociacións, escolas e empresas, coas que en conxunto se logrou unha repercusión en practicamente toda Galicia. Isto conseguiuse grazas á metodoloxía que se desenvolveu, mediante a que os axentes adheridos se converten en embaixadores, creando actividades e animando a veciñanza ao rexeitamento das violencias machistas.
Para poder expandir a campaña, este ano fixemos algunhas modificacións importantes con respecto ao pasado: ademais dos concellos incorporáronse asociacións, o que permitiu espallar a acción a moitos lugares onde os respectivos concellos non estaban adheridos, tamén se sumaron escolas e empresas, ámbitos que teñen unha repercusión máis interna ca externa pero, sen dúbida, non menos importante. Ademais creouse na web unha páxina de adhesión para facilitar, por unha banda, a firma dun documento no que cada axente adherido se comprometía a manter unas liñas de actuación e para que puidese personalizar co seu nome o símbolo da acción, dado que, por cantidade, era xa inviábel o método anterior. Tamén este ano se traduciu ao castelán todo o material que ten a web, o que permitiu comezar a espallala fóra de Galicia. Un exemplo é a creación do grupo ‘Gráficas en negro’, que recolleu un amplo apoio en só una semana e acadou repercusión en publicacións do sector. Todas estas achegas, así como a dirección e coordinación, puidéronse levar a cabo grazas aos patrocinios de Gadis, Finsa e Castrosua.
Antes de entrar a avaliar a enquisa, gustaríanos darvos as grazas porque a resposta foi moi alta: por parte dos concellos o 67% e, en xeral, o 39% (229 dos 587 organismos totais adheridos); tendo en conta que tanto colectivos como empresas se sumaron este ano, valoramos a participación moi positivamente.
Unha primeira realidade que temos que ter en conta é que a maioría dos concellos adheridos son moi pequenos –de menos de 10.000 habitantes–; isto podería resultar estraño pensando como xurdiu a campaña, nunha das principais cidades galegas e a través do comercio. Pero hoxe en día artéllase en diferentes formatos, e nas pequenas vilas realízase en contornas totalmente rurais. E aínda que o comercio segue a ser unha referencia importante, as accións sociais e a participación dos colexios constitúen novos eixes influentes de difusión. Tamén son pequenas as máis das empresas adheridas, e iso que se fixo un chamamento tamén ás medianas ou grandes, posto que a intención era que puidesen ter un orzamento de seu para producir e difundir o material entre os seus propios empregados/as. En realidade, a maior parte destas microempresas son comercios; esta característica temos que tela en conta na lectura das respostas ao formulario. Pola contra, a maioría das asociacións son de máis de trescentas persoas e os colectivos mostran unha gran variedade tanto en número de socios/as coma nos ámbitos de influencia.
En canto ao investimento, en xeral é moi baixo; poderiamos dicir que, salvo excepcións, é mínimo (só un 5% gasta máis de 5.000 €). Este é precisamente un dos problemas que recolle a enquisa, debido a que a maior parte son concellos pequenos ou microempresas que non contan cun orzamento para producir material. A única colaboración que tiveron os concellos foi por parte das deputacións na Coruña, Lugo e Pontevedra; a de Ourense non se adheriu, polo que os concellos desta provincia non contaron con ningún apoio. Esta deficiencia supliuse con creatividade e esforzo, pero cómpre artellar axudas que permitan contar con material, aínda que, insistimos, esta acción é de sensibilización, onde os materiais son só ferramentas que permiten debater e visibilizar, nunca elementos imprescindibles da acción.
Respecto á avaliación da repercusión, é moi positiva, foi moi alta tanto na propia contorna coma no global. Así, o máis valorado é que sexa unha acción social conxunta e, como segunda característica, dáselle moita importancia ao feito de poder personalizar o nome da institución. Máis aló destas calidades, achegáronse outras interesantes, como que sexa transversal a institucións, colectivos e empresas, os valores que manifesta, a implicación masculina, ou levar o debate á rúa e escoitar a veciñanza. Tamén se valorou positivamente a incorporación de asociacións e empresas (obviamente esta pregunta formulóuselles só aos concellos); unicamente o 3,2% preferiría que fose exclusivamente municipal, fronte ao 81,7% que pensa que é mellor que estea aberta a outras institucións e mais a empresas.
Entre as propostas para mellorar a acción valórase como a máis positiva a de incorporar máis contidos á web e deseñar novos materiais; ademais proponse, entre outras opcións, empezar a organizarse antes –isto indícannolo varias respostas– e ter unha estrutura de coordinación estable.
No que coinciden todas as respostas de forma rotunda é en considerala unha ferramenta útil que non se quere perder, para o que se apunta de xeito tamén contundente que é necesaria unha coordinación global para visualizar a posta en común e para que a campaña non se desvirtúe. O que expón máis dúbidas é como levalo a cabo; aquí, malia que a maioría das respostas dos colectivos e das empresas apoian a creación dun Foro, os concellos non teñen unha opinión definida; aínda que non rexeitan a creación do devandito foro, os máis non teñen unha opinión clara sobre o tema. Este resultado pode ser debido á necesidade de ter máis información sobre como construír este organismo e o rol dos concellos dentro del. Este é precisamente o seguinte paso a dar.
Por último, en canto a forma de financiamento do Foro, as propostas máis apoiadas son as de subvencións, patrocinios e doazóns, aínda que tamén se contempla un sistema de cotas para concellos e empresas que asegure a súa viabilidade, tendo en conta o tamaño destas últimas.
Segundo as consultas legais feitas, a mellor fórmula de organizarse é a través dun foro ou asociación sen animo de lucro que permita transformar a acción nun organismo máis estable e dotado dunha forma xurídica. Un Foro de persoas físicas e xurídicas, públicas e privadas, que aglutine a todos os organismos adheridos na loita contra as violencias machistas.
Os obxectivos xenéricos serían os seguintes:
- Fomentar accións de sensibilización cidadá contra as violencias machistas en todos os ámbitos que axuden a conseguir un cambio social, de igualdade real e respecto cara ás mulleres.
- Implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas.
- Promover a transversalidade de xénero nas accións e políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención, eliminación e tratamento das violencias de xénero en todos os ámbitos, ampliando o marco temporal do 25 de novembro e implicando a todas as áreas de xestión das políticas públicas.
- Identificar e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos.
- Velar polas boas prácticas na difusión e na transmisión de contidos desta acción.