En negro contra a violencia
O vintesete de outubro foi a presentación conxunta en Santiago de Compostela, a Concelleira de Igualdade, Marta Lois, estivo acompañada de Luisa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames; María Carmen Ures, concelleira de Igualdade e Benestar de Carballo; Isabel Reimúndez, concelleira de Benestar Social e Igualdade de Sada; Ignacio Iglesias, concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal de Teo; Manuel Muíño, alcalde de Zas; Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Educación e Igualdade de Ribadeo; e Carme Fouces, concelleira de Educación, Igualdade e Servizos Sociais de Pontevedra.
A concelleira de Igualdade avanzou que a colaboración de todos os concellos e o traslado da acción Compostela en Negro concretarase nas vindeiras semanas mediante a sinatura dun protocolo na que participarán os 16 concellos, tamén "os que hoxe non puideron vir por problemas de axenda".
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, quixo agradecer "a oportunidade de participar nesta iniciativa, sobre todo tendo en conta que somos un concello rural de apenas 4.000 habitantes". Iso si, o rexedor lembrou que "a lacra das violencias machistas existe tamén nos pequenos concellos aínda que estea dun xeito máis oculto; por iso é importante lanzar campañas coma esta que axuden a visibilizar esta lacra que sofren as mulleres e sufrimos toda a sociedade".
Pola súa banda, a concelleira de Educación e Igualdade de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, destacou que "máis que unha cuestión de estado trátase dunha cuestión cidadá e sobre todo educativa". Por iso sinalou que no seu concello levan tempo "traballando cos colexios pola igualdade efectiva entre homes e mulleres".
Carme Fouces, concelleira de Educación, Igualdade e Servizos Sociais de Pontevedra amosou a súa satisfacción por "sermos capaces de darlle unha lección a toda a sociedade". Fouces quixo destacar tamén "a fortaleza que podemos ter se nos unimos todos e todas independentemente das adscricións políticas de cadaquén".