Ver todas as novas
  • Concellos adheridos a En Negro 2019

Manifesto 25 de Novembro - 5ª edición de Galicia en Negro

22 de Novembro de 2019

Nesta 5ª edición de En negro contra as violencias todos os axentes implicados na implementación da campaña aunamos as nosas voces nunha mensaxe común de rexeitamento das violencias machistas, ao longo de todo o ano, pero moi especialmente neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación das Violencias Contra As Mulleres. Deste xeito, amosamos públicamente o noso compromiso na loita contra todo tipo de violencias exercidas contra as mulleres, comprometéndonos a sensibilizar neste senso no ámbito administrativo, comercial, de ensino e no tecido asociativo.

Manifesto 25 de novembro de 2019

En Negro Contra as Violencias

“A violencia de xénero non é un problema que afecte ao ámbito privado. Pola contra, maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo feito mesmo de selo, por ser consideradas, polos seus agresores, carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión...”

Exposición de Motivos da LO 1/2004,
de 28 de decembro de Medidas de Protección Integral
contra a violencia de xénero

 

O concello/colectivo/centro de ensino/asociación/empresa de XXXXX, xunto a outros cento vintecinco concellos, milleiros de establecementos, empresas e colectivos que están a tinguir Galicia, unímonos a esta acción social contra as violencias machistas para manifestar a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencias contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis extrema, os asasinatos.

Este ano –segundo datos oficiais–  foron asasinadas 51 mulleres en España, sen contar as mortes ‘colaterais’, asasinadas por estar ao lado da vítima, por ser irmá, filla ou nai. No caso de Galicia o contador suma xa cinco. Cinco mulleres foron asasinadas a mans de homes dos que pretendían afastarse: Maria José, Sandra, Alba y María Elena en Valga e Mari Carmen en Vilalba. A rabia e o desconsolo fainos seguir avanzando nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita.

Sabemos que a morte é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Nos últimos meses atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a situación de indefensión ante os agresores. Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados... por iso, este ano, queremos precisamente incidir na prevención, facendo o chamamento de CONTRA AS VIOLENCIAS, EDUCACIÓN!

Tamén queremos denunciar a complicidade de quen acubilla e silencia estas violencias, porque quen actúa con complicidade e mirando para outro lado, tamén é culpable!

Desde o concello/colectivo/centro de ensino/asociación/empresa de XXXX queremos reiterar neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta loita, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación… recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres e as crianzas.

Xuntas, en rede, será máis doado seguir!

Novembro 2019