Ver todas as novas

Ribadeo en Negro

3 de Novembro de 2016

Mariluz Álvarez Lastra convida a todos/as a participar vestindo de negro os escaparates e establecementos de hostalaría entre o 18 e o 28 de novembro, e usando roupa negra para denunciar as violencias machistas.

A concelleira de Igualdade anunciou que "o Concello de Ribadeo acaba de sumarse a unha iniciativa que puxera en marcha o Concello de Santiago de Compostela para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero, que se chamou Compostela en Negro. Ribadeo En Negro únese a outros concellos de Galicia, concretamente, da provincia lucense participan Lugo, Vilalba, Sarria e nós mesmos”.

A edil nacionalista salientou que "o obxectivo é que Ribadeo se vista de negro. A idea é que se vistan os manequíns, que se cambien os manteis dos restaurantes por uns de cor negra ou mesmo que cada persoa vista loito. Desde o Concello de Ribadeo estamos contactando con Acisa, co sector comercial, coa hostalaría da nosa vila, cos centros educativos, co centro de saúde e con todas aquelas entidades ás que podemos achegarnos  para que se sumen á campaña".

Álvarez Lastra lembrou que "o mesmo que o ano pasado fixemos un apoio e sensibilización contra a violencia de xénero cunha cadea humana, este ano pretendemos que durante o período do 18 ao 28 de novembro, que incluirá tamén un acto central o día 25, sexamos capaces de tinguir Ribadeo de negro para rexeitar a violencia machista e os asasinatos de mulleres, que non diminúen".

A responsable de Igualdade manifestou que "toda a campaña estará compartida nas redes sociais, en Facebook e en Twiter, e anima a todas aquelas persoas que queiran participar a poñerse en contacto co Centro de Información á Muller de Ribadeo no teléfono 982 120 739 ou escribir a  ribadeoennegro[@]gmail.com  para que poida anotarse para recibir o material para os escaparates, para as tendas e camisetas que facilitará a área de Igualdade do Concello de Ribadeo".