Ver todas as novas
  • Compostela En Negro Bruxelas

Éxito na presentación de En negro contra as violencias en Bruxelas

13 de Novembro de 2017

Os días 6, 7 e 8 de novembro unha delegación formada por representantes de distintas institucións locais e provinciais presentamos en Bruxelas a campaña 'En negro contra as violencias machistas'. Entre o medio centenar de persoas que viaxamos a Bruxelas había deputadas provinciais das deputacións de Lugo e de Pontevedra, e concelleiras e responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres da Coruña, Ferrol, Muros, Burela, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá.

A concelleira de Igualdade, Marta Lois, encargouse de explicar esta iniciativa de sensibilización da sociedade posta en andamento no 2015 en Compostela e tamén presentou o Pacto social municipal galego contra as violencias machistas. A delegación galega foi recibida pola presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo, a lituana Vilija Blinkeviciute e o portugués Joao Pimenta Lopes, respectivamente, así como por outros eurodeputados e eurodeputadas de FEMM de diferentes países.

Nas súas intervencións as representantes dos concellos comunicaron á Comisión de Igualdade a urxencia de situar na axenda política global unha resposta ás agresións machistas e traballar para rematar coa invisibilización dos acosos. Incidiron, sobre todo, no feito da pouca relevancia que os asasinatos machistas teñen na política global e sinalaron que son os gobernos locais os que están tratando de lles dar visibilidade e de sensibilizar á sociedade, tal e como amosa esta campaña.

A campaña En Negro contra as violencias machistas tivo moi boa acollida e tanto a presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo, como os eurodeputados e eurodeputadas presentes na xuntanza parabenizaron o traballo feito e aplaudiron a iniciativa en rede que neste momento xa envolve 75 concellos galegos e a 3069 establecementos e axentes sociais que participan na acción. 

Despois da intervención no Parlamento Europeo, o grupo galego e a representación do europarlamento concentráromonos diante da entrada principal da Cámara para presenciar unha performance levada adiante polo colectivo Somoslag que cubríu simbólicamente de negro o Parlamento Europeo co obxectivo de chamar a atención para que a loita contra as violencias machistas sexa incorporada como unha prioridade real na axenda política europea. 

Na nosa canle de Instagram podes ver as fotografías do que foron estes días nos que Galicia simbolizou na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contra as violencias machistas.