Ver todas as novas
  • Camisola "contra as violencias, educación"

Como adherirse a En negro

18 de Outubro de 2019

Xa está dispoñible na páxina web a través deste enlace o formulario de adhesión dos concellos, colectivos e empresas con vontade de desenrolar accións específicas contra a violencia machista á campaña En negro contra as violencias 2019. 

O formulario de adhesión implica a sinatura do protocolo da campaña e permite que calquera institución ou organismo que teña vontade de expandir a campaña de En negro poida facelo.

É preciso que todas as entidades -independentemente de que tiveran ou non participado na acción en edicións anteriores- cumprimenten o citado formulario. En menos de 24 horas farémoslles chegar un log in co que podan acceder á páxina de personalización. En todo caso, recomendamos aos concellos adheridos en anos anteriores a utilización do material personalizado que xa empregaron.

As entidades que participan na campaña por vez primeira, unha vez cuberto o formulario e recibido o log in, poderán acceder á personalización de materiais co nome do concellos e, como novidade, tamén poderán poñer o seu nome as empresas con vontade de desenvolvemento de accións específicas  e os colectivos. Realizando estes pasos, terán o seu deseño en formato horizontal e vertical para comezar a súa particular difusión de En negro contra as violencias.

Concellos

Pasos que recomendamos aos novos concellos para activar a campaña:

  • Envío de mail a comercios, locais comerciais, microempresas -menos de dez traballadores/as- e outras institucións convidando a cubrir de negro os establecementos. Contacto coas Escolas e IES invitando tamén a participar. É importante contar cos IES, por exemplo, como aliados para a acción que se faga en torno ao 25N.
  • Realizar os pedidos de producción de materiais calculando segundo os espazos e a actividade que se vaia desenvolver.
  • Distribución do material, ben facendo reparto por cada comercio, ou ben habilitando un punto de distribución no que sexan os comercios e entidades que pasen a recoller o material (antes do 18 de novembro para que os comercios poidan ter marxe para preparar os escaparates).
  • Participar na sinatura do convenio na semana do 18 ao 24 de novembro.
  • Planificar e desenvolver unha acción específica para cada concello o 25N. No vídeo resumo da edición pasada tedes ideas das moitas accións que se levaron ao cabo o ano pasado, e moitos máis vídeos na canle de YouTube de En Negro.

Lembramos que este ano os servizos xerais da acción se sufragan por medio dos patrocinios, polo que os concellos non terán que pagar ningunha cota de adhesión. Por outro lado as Deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra amosaron o seu desexo de colaborar cos concellos aportando material.

Empresas e asociacións

Este ano por vez primeira, poden adherirse a campaña empresas e asociacións, que van poder personalizar o seu nome. As empresas con vontade de desenvolver accións específicas contra a violencia machista e os colectivos que queiran incribirse asinarán un documento de adhesión no que adquiren o compromiso de:

  • Participar nas accións de difusión e loita contra a violencia de xénero.
  • Empregar os materiais identificadores da campaña en lugar visible e representativo da organización.
  • Manifestar o seu rexeitamento a toda manifestación de violencia de xénero.
  • Propoñer accións de difusión, concienciación e erradicación da violencia de xénero.
  • Asignar recursos para o desenvolvemento de accións que teñan como finalidade erradicar a violencia de xénero.
  • Manifestar o seu compromiso coa erradicación de toda mostra ou manifestación de discriminación por razón de sexo.

No caso das empresas, dende a organización fanse as seguintes recomendacións:

  • Inserción laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero: a inserción sociolaboral das mulleres que sofren violencia é un elemento imprescindible na súa recuperación integral e é a mellor garantía para rachar o círculo de violencia no que se atopan elas e mais os seus fillos, e poder volver participar activamente na sociedade.
  • Implementar plans de igualdade: no artigo 45 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a Igualdade efectiva entre mulleres e homes, establécese que as empresas están obrigadas a respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e, con esta finalidade, deberán adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes, medidas que deberán negociar, e no seu caso acordar, cos representantes legais dos traballadores na forma que se determine na lexislación laboral.
  • Implementar un protocolo de detección e eliminación de situacións de violencia de xénero: crea unha canle de denuncias que permita a calquera traballador ou traballadora que vexa ou coñeza unha situación de violencia de xénero dentro da túa empresa pólo en coñecemento da dirección.
  • Accións formativas e concienciadoras para o persoal: organiza un calendario de xornadas especialmente orientadas á concienciación do persoal da empresa para evitar comportamentos que poidan ser xeradores de situacións de violencia de xénero.
  • Código de conduta: elabora un código de conduta para evitar situacións de violencia de xénero.

Para calquera dúbida ou consulta, podedes porvos en contacto con nosoutras no enderezo electrónico ennegrocontraaviolencia@gmail.com ou no teléfono 667 280 367