Ver todas as novas
  • Ames en negro

Ames súmase a campaña "En Negro contra a Violencia"

27 de Outubro de 2016

O Concello de Ames participa este ano, xunto con outros 14 municipios galegos, na campaña "En negro contra a violencia”. Esta iniciativa busca poñer na axenda pública, con contundencia e para sempre, a loita para rematar con todos os tipos de violencia contra as mulleres en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. “Ames en Negro” convida a asociacións veciñais, establecementos comerciais, centros escolares, ANPAS , clubs deportivos... a vestirse de negro do 18 ao 28 de novembro polas mulleres vítimas da violencia machista. A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, participou esta mañá en Compostela, xunto a outros representantes dos demais municipios participantes, nunha rolda de prensa conxunta sobre a presentación desta iniciativa.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “o venres 30 de setembro acudimos a unha primeira xuntanza onde acordamos a necesidade de desenvolver desde os concellos, a administración máis próxima ás persoas, campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, valorando positivamente as vantaxes de levar a cabo unha campaña conxunta xa que xuntando esforzos dáselle máis visibilidade. Deste xeito, acordouse chamarlle a esta campaña: En negro contra a violencia”.

“A marxe da repercusión que acade esta campaña xa se logrou un gran éxito: poñer de acordo a diferentes Concellos en que o importante é sumar esforzos e traballar todos na mesma liña nun tema tan importante como é a loita contra as violencias machistas e a igualdade deixando a marxe ás cores políticas de cada un”, destaca Luísa Feijóo.

Así, o departamento municipal de Servizos Sociais e Igualdade pon en marcha a iniciativa Ames en Negro, que se enmarca nun movemento máis amplo no que un total de 15 municipios galegos (incluído Ames) unen forzas para desenvolver esta campaña, de forma previa á celebración do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. A súa organización xurde nunha reunión mantida a finais de setembro por representantes de distintos Concellos en Santiago de Compostela. Dende entón traballouse de forma coordinada para poñer en marcha esta nova proposta, na que se englobou a outras institucións municipais, para acadar así unha maior difusión e impacto na sociedade. Dita campaña inclúe a difusión de camisetas, identificadores, cartóns con mensaxes, etc.

Luísa Feijóo insiste en que “a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Na última década, 42 mulleres foron asasinadas en Galicia e un total de 656 no conxunto do estado. Para iso, animamos ao sector do comercio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro”.

A través da iniciativa Ames en negro proponse vestir de loito ao concello, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Esta acción desenvolverase entre os días 18 e 28 de novembro. Para elo enviouse unha misiva aos establecementos comerciais, centros educativos, ANPAS, asociacións e clubs deportivos, para solicitar a súa colaboración. Así, o goberno municipal anímaos a participar nesta campaña porque consideran que “teñen o protagonismo das rúas e a vida de Ames, e son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos un Ames libre de violencia!”.

 

Ames en negro do 18 ao 28 de novembro

“O obxectivo é que do 18 ao 28 de novembro Ames se vista de negro. A idea é que vistan os manequíns, cambien os manteis dos restaurante por uns de cor negra, ou mesmo que cada persoa se vista con roupa de loito. Dende o Concello enviaremos material e información, que tamén compartiremos nas redes sociais como Facebook e Twitter”, explica a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade.

Ademais dos establecementos comerciais a Concellaría convida a colaborar ás ANPAS, aos centros escolares e aos clubs deportivos. “Queremos implicar a todo o tecido de Ames”, sinalou a concelleira. A presentación da campaña En negro contra a violencia tivo lugar este xoves, 27 de outubro, no hotel NH de Santiago de Compostela. Varios dos concelleiros e concelleiras participantes acudiron a esta cita para ofrecer unha rolda de prensa conxunta. Está previsto que no mes de novembro os alcaldes e alcaldesas dos Concellos implicados se reúnan para firmar un protocolo de actuación.

As persoas que queiran participar só teñen que poñerse en contacto co Centro de Información da Muller de Ames e recibirán material e información. Para participar só hai que chamar ao número de teléfono 981 535 941 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cim@concellodeames.gal cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) antes do 10 de novembro. Deseguida o Concello de Ames porase en contacto contigo.