Ver todas as novas

Unha axenda chea de accións para crear espazos libres de #violenciasmachistas III

23 de Novembro de 2018

Son sete os concelllos da provincia de Ourense que se teñen sumado neste 2018 á campaña En Negro Contra As Violencias: Barbadás, Verín, Vilar de Santos, Castrelo de Miño, Allariz, Viana do Bolo, Manzaneda e A Pobra de Trives.

Barbadás
O concello de Barbadás únese por vez primeira á campaña “En negro contra as violencias”, unha iniciativa coa que se pretende seguir avanzando de forma coordinada na sensibilización social e no traballo para levar á primeira liña política a erradicación das violencias contra as mulleres.

Barbadás en negro será o lema dunha campaña na que se pretende concienciar a toda a poboación sobre esa necesidade de erradicación e á que se sumaron un bo número de comerciantes da Valenzá e o colexio público “O Ruxidoiro” que O 23N a partir das 11.30 realizarán unha cadea humana que, partindo do CEIP, percorrerá a Avda de Celanova convidando a todas as persoas que o desexen a unirse a esta actividade que pretende sacar á rúa aspectos traballados previamente nas aulas durante os últimos cursos e que poñen en valor a igualdade entre nenos e nenas.

Ademais de sumarse á campaña, o Concello ten previsto outras actividades que se desenvolverán en torno á data do 25-N. Así na fin de semana e a propia do 25-N, o concello colabora coa UNED nun curso de formación sobre violencias machistas cuxo eixo central é a violencia de xénero e ao que acudirán traballadores e traballadoras do concello coa finalidade de adquirir formación en torno a esta eiva social.

Doutra banda, o 25-N mozos e mozas do IES “Ferro Couselo” amosarán parte dun traballo realizado no centro educativo a través da concellaría de mocidade e igualdade en colaboración co profesorado, con mensaxes a favor da igualdade e en contra das violencias contra a muller é o compromiso das súas mensaxes. Será o domingo entre as 12 e as 14h na Avda de Celanova e tamén convidan a todas as persoas que desexen unirse a facelo.

Verín
O C.I.M (Centro de Información á Muller), xunto a entidades da Mancomunidade de Municipios da Comarca de #Verín desenvolven diferentes actividades coa finalidade de sensibilizar a comunidade en relación ás violencias machistas. Destaca un amplo programa de actividades de sensibilización en todos os centros educativos da comarca que se levarán a cabo. Ademais haberá unha convocatoria pública o venres 23 ás 20:00 horas en fronte do Concello de Verín, no que se leerá un Manifesto de repulsa contra as violencias machistas e unha performace protagonizado pola mocidade.

O domingo, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero terá lugar a I Gala Contra a Violencia de Xénero da Comarca de Verín, será no Auditorio da vila ás 18:00 horas e contará cunha obra de teatro do grupo As Silvardeiras titulada “Cando Valentina era mala”. Esta gala estará aberta a todas as familias da comarca, e poderán reservar a súa butaca de balde chamando ó Centro de Información á Muller.

A estas actividades súmanse outros talleres comunitarios, como o “Café Eu Tamén”, do movemento #MeToo que terá lugar nas oficinas de AEVER o venres 23 ás 18:00 horas e que estará aberto ó publico. Tamén se presentará o primeiro spot comunitario titulado “Ti, que maltratas” rodado durante esta semana na comarca, e protagonizado por mulleres da zona.

Vilar de Santos
O Concello de Vilar de Santos participa na campaña #GaliciaEnNegro co obxectivo de promover e facer visible rexeitamento ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.Vilar de Santos xa tiña participado na campaña no ano 2017.

Desde o Concello convídase a toda a veciñanza a participar nas actividades que están en marcha, do día 21 ata o 26 de novembro dirixidas a sensibilizar respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Durante estes días esarase o negro, símbolo do loito, en todos os pobos e nos locais e servizos municipais, centros sociais, no centro de dia, na escola infantil, no Museo, e ademais tamén colaboran na campaña os establecementos, empresas, os bares, farmacia, o centro de saúde. Calquera veciña ou veciño que queira pode sumarse a través de camisetas, carteis e outros distintivos e así facer visible o rexeitamento á violencia machista.

O acto central da campaña Vilar de Santos en Negro, terá lugar o venres 23 de novembro. Ás 12 da maña na praza do concello; alí darase lectura a un manifesto institucional contra as violencias, simultaneamente cos outros 102 concellos de Galicia nun acto aberto ao que está convidada a veciñanza. Paralelamente, na escola infantil, os nenos e nenas tamén mostrarán o seu rexeitamento cun acto simbólico.

Castrelo de Miño
O Concello de Castrelo de Miño sumase, xunto con outros concellos galegos, á campaña #GaliciaEnNegro, iniciativa que busca poñer na axenda pública, con contundencia e para sempre, a loita para rematar con todos os tipos de violencia contra as mulleres en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres que se celebra o día 25 de novembro.
Desde o Concello convídase a toda a veciñanza a participar nas actividades que están en marcha, nomeadamente na Feira de Castrelo do mes de novembro: 25N Castrelo en negro contra as violencias na que no propio día 25 de novembro daráse lectura ao manifesto e faráse entrega do material para despois facer a foto de grupo para facer visible o rexeitamento á violencia machista.

Allariz
O Concello de Allariz xúntase un ano máis á campaña En negro contra a violencia e son numerosos os establecementos que se teñen sumado tinguindose de negro do 19 ao 25 de novembro para mostrar a repulsa contra as violencias machistas. Desde o Concelllo téñense organizado diferentes actividades como obradoiros e contacontos nos centros de ensino.
O día 23 de 13 a 15h desenvolcerase un obradoiro para o persoal político-técnico no Fogar dos maiores enmarcado dentro das Xornadas Contra a Violencia de Xénero. Tamén dentro destas xornadas e xa, o sábado día 24, terán lugar diferentes actividadea ao longo de todo o día no Fogar dos maiores.
O acto central terá lugar o propio día 25 de novembro coa lectura do manifesto ás 12h na Praza do Concello.

Viana do Bolo
Este ano, o Concello de Viana do Bolo adheriuse á campaña de sensibilización En negro contra as violencias. Por esta razón a lema deste ano será VIANA EN NEGRO. Con este lema, o Concello de Viana ten preparada a distribución de máis de 150 carteis e 100 camisetas que serán expostas nos establecementos comerciais e edificios públicos da vila de Viana do Bolo do 19 ao 25 de novembro.

Con motivo desta campaña o venres 23 de novembro terá lugar unha concentración e acto fronte o Edificio do Concello que estará coordinado cos outros concellos participantes na campaña #GaliciaEnNegro.

Ademais, terán lugar outros actos e actividades, entre as que destacan:

OBRADOIRO AGRESIÓNS SEXUAIS E VIOLENCIA SEXUAL: Trátase dunha actividade organizada a través da Secretaría Xeral de Igualdade e orientada ao alumnado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

REPRESENTACIÓN TEATRAL INVISIBLES: Actividade dirixida a público a partir de 12 anos. Narra 7 casos reais de violencia de xénero protagonizados por un importante e recoñecido elenco de actrices dirixidas por Marián Bañobre.

CONTACONTOS COMO AXUDO A ANTÓN?: Actividade dirixida ao alumnado do CEIP Bibei de Viana do Bolo onde se traballará e profundará no tema da violencia escolar, o compañeirismo, a empatía, etc.

PRESENTACIÓN SECCIÓN DE LITERATURA FEMINISTA E FEMININA: Acto onde se darán a coñecer as moitas e novas adquisicións de literatura feminista e feminina destes últimos meses. Autores como Simone de Beavoir, Amelia Valcárcel, María Reimónez, Rosalía de Castro, etc. forman parte importante da Biblioteca municipal de Viana do Bolo e queren achegar os seus títulos a todos os/os veciños/as.

Para o propio día 25 de novembro terá lugar en horario de mañá, e por segundo ano consecutivo, unha camiñada polas rúas e camiños de Viana do Bolo. Antes terá lugar un acto conmemorativo desta data e unha pequena concentración na Praza Maior.

Pola tarde, no Campo de Fútbol de Viana do Bolo, o C.D. Viana mostrará o seu compromiso contra a violencia nun pequeno acto no que lucirán camisetas coa lema VIANA EN NEGRO.

Para finalizar, o xoves 29 terá lugar a creación da Mesa Local Interinstitucional contra a violencia de xénero, á que acudirán os responsables das institucións locais implicados na loita contra a violencia (centros de ensino, corpos de seguridade, centro de saúde, servizos sociais, responsables políticos...).

Ese mesmo día pola tarde, terá lugar o último dos actos conmemorativos de 25 de novembro que consistirá nunha interesante charla- coloquio acerca da prostitución e trátaa de mulleres, un tema que nas últimas semanas está moi de actualidade.

A Pobra de Trives
Por segundo ano consecutivo o Concello da Pobra de Trives súmase á campaña EN NEGRO, CONTRA A VIOLENCIA continuando así o traballo que desde o Concello se fai contra a violencia de xénero.

Os actos da campaña terán lugar durante a semana do 19 a 25 de novembro, dando comezo o luns día 19 coa colocación das pancartas no balcón do Concello e na Torre do Reloxo e banderitas na Praza do Pilón. Nesa semana farase visible #TrivesEnNegro vestindo desta cor negra todos os locais da vila que se somen á campaña.
Ademais a directora e a asesora xurídica do CIM tamén falarán co alumnado do IES Xermán Ancochea Quevedo nunha charla de sensibilidade e concienciación sobre a violencia de xénero. Nos talleres de memoria anuais tamén farán especial fincapé en actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres, co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres.

O venres 23 e dentro do marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, a obra de teatro "Loló e Mamá" será representada no Auditorio Xullo Vázquez ás 20:30 h. Desde o punto de vista da igualdade, Loló e Mamá aborda, cun equipo artístico 100×100 feminino, dilemas da muller que conviven connosco día a día, análise sobre os valores tradicionais de muller cunha mirada sexista das obrigacións da muller fronte á loita pola súa independencia.

Xa o día 25, domingo, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, terá lugar a ruta de sendeirismo SEMPRE LIBRE E SEMPRE VIVA. Un percorrido de dificultade baixa, dunha hora de duración aproximadamente. A saída será ás 11 da mañá diante da Praza do Concello. Ás 12:30 h. na Praza do Pilón, farase a lectura do manifesto, e a continuación, xa finalizando o acto, haberá cunha pequena homenaxe musical feita polo Orfeón Trivés.