Unha axenda chea de accións para crear espazos libres de #violenciasmachistas I
Este ano realizaremos unha acción xeral, nos 102 concellos que estamos vinculados, cubrindo de negro as prazas das vilas, ou as rúas principais. Cada concello organizará un tipo de acción diferente, ainda que en xeral será a lectura dun comunicado, O DÍA 23 SOBRE ÁS 12 h
Comarca da Coruña
Cambre
Un ano máis, o concello de Cambre levará a cabo a campaña de sensibilización social "Cambre en negro: en negro contra as violencias". A campaña prolongarase durante a segunda quincena de novembro pero a semana forte será do 19 ao 26 seis de novembro.
Neste 2018 inscribironse máis de 200 comercios e entidades sociais que tinguen de negro as súas instalacións con carteis, camisetas ou lonas. O concello de Cambre financiará a impresión deste material e distribuirao polas asociacións do municipio interesadas. Convidan ademais a vestir de negro o día vinte e tres.
O venres 23 ás 12:00 horas na entrada da Casa do Concello procederase á lectura dun manifesto e veremos unha peza de danza contemporánea creada, dirixida e executada por mulleres. Repartiranse 200 camisetas da campaña entre as persoas asistentes.
A Coruña
A Coruña súmase, por terceiro ano consecutivo, á campaña En negro contra as violencias machistas, unha iniciativa que pretende implicar ao tecido económico, asociativo, deportivo, social e cultural, así como ao conxunto da cidadanía, no rexeitamento das violencias machistas.
O 25-N é o punto álxido desta campaña, que se centraliza principalmente na segunda quincena de novembro de novembro, pero que como se pode ver en distintos espazos da Coruña está presente ao longo de todo o ano.
Precisamente o domingo 25 celebrarase unha acción de rúa, na que se convida á veciñanza a participar vestida con roupa de cor negra, para visibilizar o rexeitamento cidadá destas violencias. A intervención será ás 12.00 horas na Praza de María Pita, na que se habilitará un espazo para a entrega de material vinculado á campaña.
Tanto de cara á acción do 25N como para o desenvolvemento da campaña na cidade, o Concello producirá diversos materiais, como camisetas --tamén para cativas e cativos--, chapas, paraugas, manteis, pousavasos, distintivos adhesivos, carteis en diferentes formatos, marcapáxinas para as Bibliotecas Municipais, mochilas e bandeirolas personalizadas. A campaña A Coruña En Negro Contra As Violencias Machistas estenderase á rede de centros cívicos e de bibliotecas municipais; aos mercados, espazos culturais e instalacións deportivas municipais; e facultades da Universidade da Coruña así como centros de saúde e hospitalarios.
Sada
A concellaría de Benestar Social e Igualdade de Sada convoca diferentes actos arredor do 25N onde haberá poesía, deporte, campaña nos comercios e nas asociacións locais, concentración e un pase do documental "Deamoslle Voz" a curtametraxe realizada polo alumnado do IES Isaac Díaz Pardo que resultou gañador co concurso de guións contra a violencia de xénero promovido pola Deputación da Coruña.
Os actos comezan o luns 19. Durante toda a semana Sada tinguirase de negro coa campaña Sada en Negro na que participan máis de 100 comercios e entidades locais.
A programación é moi diversa para chegar á maioría da poboación. Así o venres 23 de novembro terá lugar na Praza de San Roque ás 12:00 horas a concentración e lectura do manifesto "Sada en Negro" en apoio das vítimas da violencia machista. A concellaría de Benestar Social e Igualdade de Sada chama ademáis a participar o sábado 24 de novembro na VII Andaina Contra a Violencia de Xénero organizada polo Consorcio das Mariñas que partirá as 10:30 da Casa dás Palmeiras de Cambre e percorrerá a Ría do Burgo polos concellos de Cambre, Oleiros e Culleredo.
Os actos seguirán o sábado 24 pola tarde na Terraza co recital poético "Nin unha menos" organizado polo movemento cultural Esperto. A partir das 19:00 vivirase unha xornada "reflexiva e artística" coa presenza de Yolanda Castaño, Carolina Rubirosa, Xan Chan, Vanesa Santiago, Javi Pena, Miguel Mosquera, Lúa Mosqueteira, Afogalegas e Sadanza.
A programación rematará o venres 30 de novembro coa proxección, no hotel Alda Sada mariña a partir das 20:00 horas, da curtametraxe "Deámoslle Voz", realizado polo alumnado do IES Isaac Díaz Pardo.
Comarca de Santiago
Ames
O Concello de Ames participa, por terceiro ano consecutivo, na campaña En negro contra as violencias e ten programadas varias accións ao abeiro da campaña Ames en Negro, co obxectivo de concienciar sobre esta realidade, e convidar a toda a veciñanza amesá a que se una para mostrar a súa repulsa á violencia machista.
Estas accións comezarán o luns, 12 de novembro, co reparto de material entre os diferentes establecementos, clubs, asociacións e centros educativos do concello que forman parte da campaña Ames en Negro. O obxectivo será que, na semana do 19 ao 25, os escaparates, as instalacións deportivas, os colexios e institutos e, en definitiva, toda a cidadanía vista de loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte.
Entre o material que se repartirá haberá camisetas, bolígrafos, pulseiras, axendas, pelotas antiestrés e bolsas plegables. Tamén se repartirán pancartas para os pavillóns e instalaranse deseños con frases sensibilizadoras nos pasos de peóns.
Para rematar, o venres 23, ás 12.00 horas, terá lugar o acto institucional na praza do Concello de Bertamiráns, no que se procederá á lectura do manifesto. Dende o Concellería animan ás e aos amesáns a que acudan vestidos de negro para, todos xuntos, apoiar ás vítimas de violencia de xénero e amosar a súa condena unánime a este tipo de actos. Durante o evento tamén se realizarán lecturas de poesía, actuacións musicais e reparto de material entre os e as asistentes.
Brión
O Concello de Brión súmase á crenza de que, a sociedade en xeral, debe deixar de ser espectadora e asumir un papel activo e protagonista, rexeitando a violencia de xénero e amosando publicamente a solidariedade coas vítimas e tolerancia cero cos agresores. Por iso desde o concello anímase á cidadanía a facer visibles os carteis con esta mensaxe nos postos de traballo, negocios, escola, ventás, roupa... para isto no Concello e no Centro Social pódese solicitar a entrega destes carteis.
Ademais o día 23 de novembro convídase aos brioneses e brionesas a participar na concentración de repulsa que terá lugar entre as 12 e as 12:15h na Praza do Concello.
Santiago de Compostela
Compostela volve tinguirse de negro este novembro para berrar contra as violencias machistas. A presenza na cidade dun autobús completamente tinguido de negro deu inicio á campaña. Este autobús “en negro”, da empresa Castrosua, circulará pola Liña 1 e percorrerá barrios e parroquias a fin de chegar ao rural. Precisamente é no rural compostelán onde se levarán a cabo diversos talleres e actividades dirixidos ás mulleres que completarán os obradoiros de empoderamento xa en andamento nalgunhas parroquias.
Tamén na primeira semana de novembro, os días 8 e 9, no Centro Cívico das Fontiñas celebranse as Xornadas técnicas sobre delitos contra a integridade sexual, organizadas polo Concello de Santiago en colaboración co Grupo de Cidadás Inquietas de Compostela.
Do 12 ao 16 de novembro realizarase o reparto de materiais aos establecementos que confirmen a súa adhesión a "Compostela en Negro" e entre o 19 e o 23 de novembro haberá varios puntos de reparto onde a poboación poderá recoller material da campaña co obxectivo de cubrir de negro a cidade ata o 25 de novembro.
O 19 de novembro na Sala Capitol a partir das 19:30 horas será o día das Conversas Feministas con Marcela Lagarde. A recoñecida antropóloga, investigadora e catedrática da UNAM que cuñou o termo feminicidio para describir a situación da violencia contra as mulleres en Ciudad Juárez e que logo se estendeu por todo o mundo.
O 23 de novembro, a praza do Obradoiro volverá ser un dos puntos centrais da campaña. Con ese obxectivo cubrirase de negro coa participación dos institutos da cidade, de tal xeito que cada un elixirá un alumno ou alumna para que dean lectura a unha parte do manifesto institucional contra as violencias machistas. Tamén se realizará unha performance que leva por título "Ata que a morte nos separe" por parte do Colectivo LAG.
A loita contra as violencias e a procura da igualdade real entre homes e mulleres é unha cuestión transversal e por iso, dende as concellarías de Deporte ou de Acción Cultural levaranse a cabo accións como parte da campaña.
No caso de Acción cultural, o Auditorio de Galicia acollerá, dentro do festival de cinema Cineuropa, a proxección de varios filmes procedentes do arquivo feminista Simone de Beauvoir de París. Así, o 24 de novembro, as 19:30 horas, proxectarase Sé fermosa e cala, e o 25 de novembro Maso e Miso van en barco (18:45 horas) e, a partir das 20:00 horas, A marcha das mulleres a Hendaia, LIP: Monique et Christiane e Violación conxugal, violación a domicilio.
En canto a Deporte, o Estadio Municipal de San Lázaro tinguirase de negro coa colocación dunha lona na grada de preferencia. Por último, o departamento de Mocidade colabora coa campaña coa colocación, no Centro Xove da Almáciga, dunha banda deseñada elaborada tras a presentación do estudo sobre as violencias machistas na adolescencia temperá.
Teo
Os concellos composteláns seguen a desenvolver as actividades para conmemorar o 25-N, Día contra a Violencia de Xénero. e o Concello de Teo súmase un ano mais á campaña En Negro para concienciar á cidadanía na necesidade de pór fin a esta secuela.
Os actos programados para o 25-N en Teo servirán para chamar a atención sobre un problema tan grave, lembrar as vítimas e concienciar a todos e todas na necesidade de buscarlle solucións. Por isto este ano súmase de novo á campaña En negro contra a violencia, na que participan un centenar de concellos e tres deputacións. Así, comercios, bares e outras entidades súmanse a esta iniciativa tinguindo de negro escaparates e ventás. O acto institucional será o 23 de novembro ás 19.30 horas no salón de plenos do Concello.
Val do Dubra
O Concello de Val do Dubra participa novamente na campaña #GaliciaEnNegro #contraaviolencia e anima a tinguir de negro a vila do 19 ao 25 de novembro para mostrar a nosa repulsa contra as violencias machistas. Desde o Concelllo repartiranse os cartaces e materiais da campaña.
Comarca de Ferrol
Ares
O Concello de Ares participa novamente na campaña #GaliciaEnNegro #contraaviolencia e anima a tinguir de negro a vila do 19 ao 25 de novembro para mostrar a nosa repulsa contra as violencias machistas. Desde o Concelllo repartiranse os cartaces e materiais da campaña.
Cedeira
O Concello de Cedeira volve participar este ano na campaña #GaliciaEnNegro #contraaviolenciae anima a tinguir de negro a vila do 19 ao 25 de novembro para mostrar a nosa repulsa contra as violencias machistas. A cidadanía pode sumar vestindo os establecementos, balcóns, fachadas... de negro. Desde o departamento de Servizos sociais repartiranse os cartaces da campaña.
O domingo 25 de novembro ás 12:00 na Praza do Concello haberá unha concentración para amosar a repulsa á violencia machista. Desde o Concello anímase a particiapr vestindo algunha prenda negra e así sumar á campaña.
Ferrol
Por terceiro ano consecutivo, Ferrol tinguirase de negro para sensibilizar contra esta lacra co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a muller cun extenso programa concentrado do 16 ao 26 que vai do institucional ao teatro pasando pola carreira solidaria e o concurso ao mellor deseño de escaparate entre os establecementos adheridos. A programación comeza o venres 16 as 12:00 no Centro Cívico de Canido coa estrea de Ferrol en Lila III, centrado no mundo do deporte.
Entre as actividades programadas atópase unha nova edición do roteiro Ferrol en feminino o día 21, con alumnado do IES Leixa e a habitual plantación de rosas, unha por cada muller falecida desde a última actividade realizada o pasado 8 de marzo. Tamén o día 21 terá lugar unha performance a cargo de Iria Sobrado coa lema de Titania no Cantón.
Ademais, como primeiro paso nunha serie de actividades vinculadas co ámbito educativo, terá lugar un debate contra a violencia machista no Jofre, o venres 23, desde as 10.30 horas, con alumnado de diferentes centros da cidade. Ás doce haberá un acto simultáneo con outros concellos no exterior do teatro, co que se pretende representar un símbolo emblemático e que contará coa música dun grupo de pandereteiras.
Tamén como novidade, nesta ocasión, o grupo teatral Chévere porá en marcha unha serie de representacións en distintos escaparates de comercios da cidade o día 24, para mostrar realidades vinculadas coa violencia.
A carreira solidaria do domingo 25 servirá de colofón aos actos organizados polo Concello.
Moeche
O Concello de Moeche volve sumarse a esta proposta xunto con outros 101 municipios galegos e máis de 6.400 entidades colaboradoras, entre asociacións, institucións, empresas e comercios. Calquera pode participar tinguindo o seu comercio, lugar de traballo ou as ventás da súa propia casa de negro. O Concello porá a disposición da veciñanza material da iniciativa.
Mugardos
No marco das actividades con motivo do 25 de novembro, o Concello de Mugardos organiza para o día 17, ás 19.00 horas no salón de plenos, a presentación do libro “Invisible: teoría y práctica de mi suicidio”, da xornalista ferrolá Carolina Pernas. O libro, editado por Embora, é un relato en primeira persoa e en clave de humor do suicidio dunha muller gris e anodina, que quere irse deste mundo executando algunhas vinganzas e cunha boa posta en escena.
O día 23 de novembro, ás 19.00 horas no Casino Mugardés, terá lugar outro acto no marco do 25-N. Marta Ortiz e Sofía Espiñeira porán en escea a obra “Matrioskas”, unha sucesión de contos e música sobre mulleres.
Neda
O Concello de Neda participa por segundo ano consecutivo na Campaña en Negro contra as Violencias, o que a nivel local dará lugar á Marcha polo Bo Trato prevista para este venres (día 23) e á representación o sábado (día 24) da obra “Gaiola” polo grupo El Ruiseñor de Culleredo, na Casa da Cultura, a partir das 20.30 horas.
A corporación municipal anima á veciñanza a participar nos actos e mesmo a vestir de negro os establecementos e lugares de traballo para poñer de manifesto “o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”. Segundo cifras oficiais, desde o ano 2008 foron rexistrados 619 asasinatos machistas no conxunto do Estado e 43 en Galicia e, no que vai de ano, a violencia machista acabou coa vida de 10 menores.
A Marcha polo bo Trato dará comezo ás 10.30 horas no albergue de peregrinos e discorrerá polo paseo marítimo ata o Concello de Neda. Neste emprazamento e sobre as once da mañá intervirán nenos e nenas dos CEIPs San Isidro e Maciñeira, así como estudantes de Secundaria do IES Fernando Esquío para manifestar a súa repulsa á violencia machista a través de diferentes textos.
O acto rematará coa lectura dun manifesto e a solta de globos negros en memoria das mulleres e nenos asasinados. Desde a concellería de Servizos Socias invítase aos asistentes á marcha a vestir de negro e a levar paraugas da mesmo cor.
San Sadurniño
O Concello volveu suscribir o protocolo da campaña En Negro contra as violencias, que busca tinguir de negro e de mensaxes o ámbito público ao longo de todo este mes. Desde o 20 de novembro está pendurada na fachada principal da casa consistorial unha grande pancarta co lema principal. Pero hai máis, xa que Igualdade distribuirá entre clubes e entidades unhas 300 bolsas de tea, 300 chapas, 300 pulseiras, 50 camisetas e 100 mochilas.
Costa de Morte
Este ano participan nesta campaña os concellos de Carballo, Cee, Camariñas, Carnota, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Mazaricos, Muros, Muxía, Vimianzo e Zas.
Muros
O CIM de Muros ten preparada unha semana completa. O martes comezan repartindo material da campaña #Murosennegro polos centros educativos, onde ademais farán entrega ao novo alumnado do libro Os Bolechas visitan o CIM de Muros.
O xoves reunirase por segunda vez a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional e para o venres 23 de novembro haberá unha Andaina dende os IES ata o Curro da Praza, onde rematará cunha concentración ás 12:45 e lectura do manifesto.
Ademais, ese mesmo venres 18:00h haberá un contacontos de maxia e igualdalde e o luns 26 proxectarase unha curta de igualdade en varios centros de ensino.
Zas
Zas participa por terceiro ano consecutivo na campaña e este ano haberá un concurso de escaparates entre os comercios do Concello, pero ademais as escolas serán protagonistas. Un taller de “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, unha charla e varios obradoiros, e unha obra de teatro serán algunhas das actividades que se desenvolverán nos centros de ensino zaseiros.
Outra parroquia que se move é a Unidade Pastoral de Zas, que se une á campaña En Negro contra as Violencias, cunha “misa aplicada por todas as vítimas de violencia doméstica vivas e defuntas”, este domingo ás 12:30h na Igrexa de Baio.
Carballo
O Concello de Carballo volve participar na campaña En negro contra as violencias co obxectivo de implicar a toda a poboación. A Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller (CIM) teñen deseñado un programa de actividades coas que tratan de acadar ese obxectivo.
No caso de Carballo, ese traballo arrincará coa iniciativa Camiñando pola igualdade, coa que se trata de visibilizar a realidade a través da organización de dous obradoiros, un para mulleres e outro para homes, co obxectivo de que co tempo se convertan nun só. Os obradoiros celebraranse os días 22 (o de mulleres) e o 24 (o de homes) na Biblioteca Municipal Rego da Balsa.
No programa hai propostas para persoas adultas, pero tamén para escolares, tanto de primaria coma de secundaria. Desde o Concello convidan a toda a poboación a sumarse, dun xeito moi especial á concentración que se celebrará o día 25 ás 12.30 horas na Praza do Concello.
É de destacar a amplísima participación do empresariado local na campaña Carballo en negro contra as violencias. Este ano participarán máis de 125 establecementos comerciais e hostaleiros que converterán os seus escaparates na representación do rexeitamento social á violencia, utilizando para iso a cor negra como elemento fundamental da súa decoración e difundindo as mensaxes da campaña.
Dumbría
Primeiro ano que Dumbría se une á campaña. Este 25N cada grupo de traballo, Protección Civil, SAP… van facer unha foto en conmemoriación do día sumándose á campaña. Ademais o venres haberá unha concentración das 13:45h diante do concello.
Corcubión
Ademais de empapelar a vila co material da campaña, a Concellería da Muller e Igualdalde arma varias actividades, como o obradoio de contacontos no Ceip Praia de Quenxe, a exposición Express-arte que acolle o IES Fernando Blanco do 3 ao 17 de decembro. Ademais haberá u nha concentración e lectura do manifesto o venres 23 de novembro ás 12:00h diante da casa do Concello.
Muxía
Varias son as accións que prepara Muxía polo 25N, pero a máis interesante desenvolverase do 11 e 13 de decembro, cando se celebren varias xornadas formativa para impulsar o funcionamento e coordinación da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.
O venres 23 de novembro, ás 11:00, diante do concello, concentración para conmemorar o día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, coa presencia do alumnado do IES Ramón Caamaño. Xa ás 20:30h do mesmo venres inaugúrase no Centro Social de Muxía (Baixo do Edificio de Servizos Múltiples) a mostra “De berros e olladas” con fotografías de Isidro Cea, Marga P. Díaz e Enrique González e os haiku de Andrea Fernández Maneiro.
O sábado 24 de novembro, ás 20.00 horas,no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía poráse en escea a obra “ Pementerias “ de Xoré Teatro.
Cee
En Cee queren tinxir de negro todo o municipio a través dos escaparates dos comercios, dos manequíns, da roupa de traballo, desde o día 19 ata o 25 de novembro. Por iso o Concello anima a todas as persoas e establecementos que queiran participar que acudan ao Concello para informarse e recoller o material.
Ademáis, o CIM do Concello de Cee organiza diferentes actividades arredor do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Charlas, documentais, contacontos… e unha Concentración e Lectura do Manifesto que será o día 23 de novembro e na que se anima a acudir con vestimenta negra para dar maior visibilidade ao encontro.
Laxe
Laxe convida a todo o comercio local a tinguirse de negro. Durante toda esta semana a tenda, bar, comercio, posto do mercado… os manequíns, os manteis do restaurante e os propios profesionais enviarán unha clara mensaxe a toda a poboación.
Ademais, como cada ano, haberá concentración e lectura de Manifesto ás 12h do día 23 de novembro. Será no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura.
Camariñas
Camariñas centra nos establecementos hostaleiros do municipio, que están a tinguir os seus espazos de negro coa cartelería achegada polo Concello.
Pero ademais o venres 23 de novembro, levará a cabo unha manifestación en cada centro educativo da contorna. Ás
11:00 da mañá terá lugar no CEIP Ponte do Porto, ás 12:45 no IES Plurilingüe Pedra da Aguia e finalmente no CEIP O Areal ás 13:30.
Vimianzo
Os negocios xa están tinguidos de negro en Vimianzo, que centra a actividade na concentración do venres 23 de novembro na praza do Concello ás 12:00h e lectura do manifesto. Ademais, do 15 ao 22 de decembro, de 10:00 a 14:00h hai un curso de defensa persoal e autocapacidades para mulleres.
Carnota
A acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas tamén chega a Carnota que pide a toda a veciñanza (casa, tenda, comercio, empresa, bar, local, etc,) que se tinga de negro.
Mazaricos
Mazaricos celebra o #25N cunha concentración e lectura de manifesto levando as camisetas e material de en negro o venres 23 ás 12:00h, na Praza do Concello ou, se chove, nos soportais. Ademais hai unha exposicion da pintora Mercedes Carrillo Núñez na Casa da Cultura tamén enmarcada no programa.
Fisterra
Os comercios están xa recollendo material para poñer de negro nos escaparates. Ademais, o acto principal realizaráse cos centros de ensino, durante a mañá do venres 23, se non chove na Praza do Concello e se chove no pavillón.
Comarca da Barbanza
A Pobra do Caramiñal
A acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas tamén chega A Pobra que pide a toda a veciñanza (casa, tenda, comercio, empresa, bar, local, etc,) que se tinga de negro.
Rianxo
O Concello de Rianxo impulsa por segundo ano consecutivo Rianxo en Negro e organiza un abano de actividades que se levarán a cabo grazas ao traballo compartido das áreas de comercio, turismo, cultura, deportes, normalización lingüística, a biblioteca municipal, obras e benestar e igualdade. Do mesmo xeito, esta campaña non sería posible sen o compromiso e a participación do comercio local, da comunidade educativa, do tecido asociativo cultural e da veciñanza.
Nesta edición da campaña, o concello rianxeiro optou por un amplo programa de actividades entre as máis destacadas está a camiñada fixada para o 24. Partirá do paseo da Ribeira ás 9.00 e discorrerá polas Cunchas, Tanxil, Ou Porrón, o monte Pena, a Aldea Maldita e o curso do río Té. Aínda que é gratuíta, as persoas interesadas en participar teñen que anotarse en deportes@concelloderianxo.gal.
Tamén é destacable o acto que o 23 ao mediodía terá lugar na praza Castelao, para recoñecer a implicación dos colexios na campaña contra a violencia, e o espectáculo musical previsto para o 25 (auditorio, 19.30 horas): Ou legado de Jacinta Landa Vaz, xurdido por mor dunha investigación que José Luís do Pico Orjais realizou sobre o repertorio que a artista gravou durante o seu exilio en México.
Non faltarán tampouco outras iniciativas como os obradoiros de autodefensa para mulleres, as lecturas contra violencias na biblioteca ou a elaboración dunha palestra por parte das milleres deportistas, entre outras.
Comarca de Betanzos
Aranga
O Concello de Aranga participa novamente na campaña #GaliciaEnNegro #contraaviolencia e anima a tinguir de negro a vila do 19 ao 25 de novembro para mostrar a nosa repulsa contra as violencias machistas. Desde o Concelllo repartiranse os cartaces e materiais da campaña.
Betanzos
Ata o 30 de novembro, dentro da campaña Betanzos en Negro a Biblioteca Municipal acollerá a exposición bibliográfica “A violencia machista na literatura” que supón un percorrido sobre a abordaxe da violencia contra a muller na literatura.
A campaña culminará coa lectura dun manifesto o domingo 25 de novembro ás 12:30 na Casa do Concello.
Comarca de Ordes
Oroso
As actividades organizadas polo Concello de Oroso abranguen desde o 19 ao 25 de novembro. Os actos centrais, o venres día 23, inclúen unha obra de teatro, un peche do comercio local durante unha hora, a lectura do manifesto e a representación da canción ‘O respecto para cando’, polo alumnado do IES Oroso na Alameda de Gois.
Comarca de Noia
Os Concellos de Noia e Outes súmase á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero En negro contra as violencias. Con esta campaña, ambos municipios tinguirase de negro a través dos escaparates dos comercios, dos menequíns da roupa de traballo...
Eume - Ortegal
Desde as comarcas de Eume e Ortegal este ano participan na campaña os concellos de Monfero, Pontedeume, Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira d4esde os animan a tinguir de negro aos municipios do 19 ao 25 de novembro para mostrar a nosa repulsa contra as violencias machistas. Desde os Concelllos repartiranse os cartaces e materiais da campaña.
No caso de Ortigueira o día 23 de novembro ás 12.00 haberá unha concentración diante do Concello na que se dará lectura a un manifesto contra a violencia de xénero. O Centro de Información á Muller recomenda levar vestiduras negras.
Ademais a campaña Ortigueira en Negro suma unha nova actividade á concentración prevista para o venres, organizada polo Club de Remo de Cedeira en colaboración co Centro de Información á Muller ortegano. O domingo 25, a partir das 16.30 horas, terá lugar na ría de Ortigueira un adestramento de remo contra a violencia de xénero. Haberá unha presentación da actividade seguida dun minuto de silencio, cos remos levantados, en homenaxe ás vítimas para, a continuación, realizar un percorrido marítimo da zona triangular coas embarcacións. A celebración da actividade depende das condicións meteorolóxicas.