Ver todas as novas
  • Roda de prensa, En negro contra a violencia

Teo súmase á campaña ‘En negro contra a violencia’

4 de Novembro de 2016

"Teo en negro" buscará durante o mes de novembro a implicación de establecementos comerciais, bares, supermercados, etc. para que durante a semana do 25 de novembro poñan os seus escaparates en negro e dese xeito amosen o seu rexeitamento á violencia machista. Haberá outros espazos nos que se amosarán lemas vinculados a esta data e tamén se traballará nos colexios e instituto para que a mocidade poida ser conscientes da situación nas que se produce violencia de xénero. Con esta iniciativa "trátase de facer partícipe á sociedade teense dos actos contra esta lacra" explica o edil. 

Ademais desta acción, o día 25 de novembro haberá un acto institucional ás 20:00 horas no que se lerá un manifesto, haberá unha pequena actuación musical a cargo de Bolboreta e proxectarase un vídeo institucional. Os actos serán na Casa do Concello.  

Colaboración entre Concellos

Os Concellos que participan nesta campaña este ano son Santiago, A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Teo, Tui, Vilalba e Zas. ESta iniciativa naceu o ano pasado en Santiago baixo o nome "Compostela en negro". Púxoa en marcha o departamento de Igualdade, dirixido por Marta Lois. E segundo explicaba ela mesma "debido ao bo retorno que tivemos o ano pasado pensamos que era necesario compartir con outros concellos esta iniciativa e unirnos dende o eido municipal ante un problema que temos como sociedade, que non é outro que a violencia contra as mulleres".