Ver todas as novas
  • Concellos EN Negro 2017

Moreas de actividades ao redor da campaña En Negro Contra as Violencias

22 de Novembro de 2017

O venres día 24 os 75 concellos adheridos leran un manifesto común e animan a todas as veciñas e veciños a se achegaren aos puntos de lectura e, desta forma, amosar a súa repulsa contra as violencias machistas.

O obxectivo da campaña En Negro Contra As Violencias pasa por fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas, ademais de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social como forma de resposta colectiva ante as violencias. É por iso que os 75 concellos adheridos a En Negro Contra As Violencias fan un chamado á cidadanía para vestir de negro espazos públicos, privados, empresas, bares, postos de mercado... do 23 ao 26 de novembro mediante o uso de materiais específicos da campaña que se veñen repartindo nestes días ou simplemente prendas de roupa ou obxectos de cor negra. Isto será unha chamada á acción da sociedade e axudará a identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.

O conxunto dos concellos que participan na campaña En Negro Contra As Violencias animan tamén a toda a veciñanza a se impliplicar nas redes sociais e a amosar o seu compromiso contra as violencias de xénero compartindo mensaxes e fotos co material da campaña na casa, no centro de traballo, na rúa. Para visibilizar a acción conxunta piden que nas publicacións se utilice o cancelo #ContraAsViolencias e así tinguir tamén de negro as redes en sinal de dor e repulsa colectiva das violencias machistas.

Ademáis destas dúas accións para a que piden a colaboración da veciñanza o venres día 24 os 75 concellos adheridos farán unha lectura dun manifesto e animan a todas as veciñas e veciños a se achegaren e amosar a súa repulda contra as violencias machistas.

Cada un dos concellos implicados en En Negro Contra As Violencias ten previstas accións concretas a desenvolver no seu termo municipal para traballar cos diferentes grupos de poboación a sensibilización e o compromiso para erradicar a violencia de xénero. Así, por exemplo, no Concello de Santiago que puxo en andamento a campaña no ano 2015, o Comando Igualdade estará no IES Rosalía de Castro e no CSC das Fontiñas. Tamén en Compostela con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o venres 24 de novembro ás 12:30 na praza do Obradoiro lerase un manifesto contra as violencias machistas. A seguir está convocada unha concentración de repulsa deste tipo de violencias aberta a toda a cidadanía. Neste acto, no que se quere implicar  de maneira especial ao estudantado da USC e dos IES de Compostela, está previsto construir na propia praza e coa participación especial do equipo feminino de Roller Derby "As Brigantias", unha imaxe colectiva que recolla o lema da campaña de sensibilización "Compostela en Negro".

Este ano o Concello da Coruña quere ampliar o compromiso da cidade na loita contra as violencias machistas e convida á veciñanza a participar, dun xeito activo, na campaña. Desde a Concellaría de igualdade fan un chamado para vestir de negro o día 25 e participar na gran concentración que terá lugar ás 12.00 horas na Praza de María Pita e así tinguir A Coruña de negro.

No Concello de Cangas os centros educativos levan traballando en violencia de xénero durante todo o trimestre e este venres 24 realizarase unha actividade conxunta a través de propostas diferenciadas para transmitir ao resto da cidadanía o rexeitamento da violencia e o dereito ao bo trato. A idea consiste en ocupar os espazos públicos, as prazas, os núcleos vitais dos pobos ou os elementos de reunión e interacción para facer unha pequena intervención nos mesmos a través dunha proposta plástica ou simbólica, unha acción interpretativa, unha escultura humana, etc. Ademais, o sábado 25 realizarase unha manifestación contra as violencias con saída desde a Praza do Concello. Nela, farase a lectura do manifesto colectivo do Consello Municipal de Igualdade.

En Vilalba do 23 ao 26 de novembro, os establecementos comerciais e hostaleiros vestiranse de negro en repulsa contra a violencia machista e os veciños e veciñas poderán participar na campaña vestindo de negro as ventás das súas casas con panos negros que facilita o concello. O venres día 24 ás 12:30h diante da Casa do Concello haberá darase lectura ao manifesto contra a violencia machista, que se lerá conxuntamente nos 75 concellos participantes na campaña En Negro Contra a Vuolencia. Ese mesmo día ás 20:30 h. no Auditorio Municipal desenvolverase o acto “MÚSICA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA”, no que participarán xoves de Vilalba que, a través de distintos estilos musicais, expresarán o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres. As entradas para este acto serán gratuítas e poderán sacarse na Casa da Cultura, a través da plataforma Ataquilla.com e no Auditorio, ata completar aforo.

No Concello de Poio desenvolveranse obradoiros impartidos polo persoal do CIM entre o alumnado dos centros educativos do concello e tamén se dará lectura ao manifesto común no día 24 ás 12:30h diante da Casa Rosada. Nesta lectura participarán as asociaciçons que forman perte do Consello Municipal da Muller e farase reparto de materiais da campaña (globos, chapas, mochilas). Xa no día 25 ás 20:00h será a estrea da obra "Abre a porta" do grupo Lúa Chea no salçon de actos da Casa Rosada.

O concello de Becerreá tamén celebrará un acto contra as violencias o día 24 ás 12:30 no que se dará lectura ao manifesto or parte do alunado do IES Becerreá e ademais, o alumnado de 1º de bacharelato fará unha representación coreográfica. O acto será tamén apoiado coa presenza de alumnas e alumnos no CEIP San Xoán de Becerreá e da Escola Infantil Municipal de Becerreá e pecharase coa actuaciçon musical de Son de cores Becerreá.

Baixo o lema ‘Gondomar en Negro’ a Concellaría de Igualdade de Gondomar propónse tinguir de negro a vila. Aqueles establecementos ou entidades que queiran unirse a esta campaña poderán informarse no Centro de Información á Muller (CIM). Como complemento á campaña, ao longo da última quincena de novembro e parte de decembro desenvolveranse diversas actividades, entre elas, un taller de Sensibilización e prevención en violencia de xénero’ dirixido a mozos e mozas, nos institutos de Educación Secundaria. A actividade dirixidas ao alumnado de 4º de ESO, consistirá nunha charla coloquio no IES Auga da Laxe, os días 20, 21, 23 e 28 de novembro e no IES Terra de Turonio, os días 22, 24 e 29 de novembro. Para fomentar a igualdade entre os cativos e cativas, a Concellería desenvolverá o 25 de novembro de 10 a 14 horas o taller de igualdade “Construíndo historias non sexistas” dirixido a rapaces e rapazas de 7 a 10 anos. Por outra banda, o 26 de novembro ás 18h no Auditorio Municipal Lois Tobío terá lugar o espectáculo ‘Maxia pola igualdade’ a cargo da ilusionista Fani Triana. 

Xa na comarca de Ferrol o Concello de Neda que participa este ano por primeira vez na campaña En Negro Contra as Violencias promovida polo Concello de Santiago convoca actos para os días 24 e 25 de novembro. Na primeira das xornadas celebrarase unha “Marcha polo bo trato” na que tomarán parte, ademais das persoas que desexen sumarse, alumnos dos CEIP de Maciñeira e San Isidro e do IES Fernando Esquío. As inmediacións do albergue de peregrinos será o punto de partida. A saída está prevista para as 10.30 horas. Ao remate, na praza do Concello, terá lugar a lectura do manifesto institucional, ademais de outras intervencións que correrán cargo de estudantes. A actividade trasladarase, a partir as 13.20 horas, ao IES Fernando Esquío. As súas instalacións acollerán unha charla sobre a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual dirixida ao alumnado de 3º de ESO. Esta primeira xornada rematará cunha representación teatral na Casa das Palmeiras, a partir das 19.30 horas. O grupo Ti e máis eu porá en escena a obra “Pai respóstame”. Co teatro tamén concluirán os actos organizados para o 25 de novembro. Ese día, ás 20.30 horas, a Casa de Cultura acollerá a interpretación da obra “Falsas denuncias”, que correrá a cargo da compañía Teatro Semente.

O Concello de Ferrol está a facer neste 2017 unha aposta decidida neste ano 2017 por visibilizar as accións para erradicar as violencias machistas dentro da campaña galega En Negro Contra as Violencias, na que repite presenza por segundo ano consecutivo. Os actos desta edición de Ferrol en Negro comezaron o 17 de novembro co pintado progresivo dos pasos peonís da cidade con frases feministas o cal teñen previsto finalizar o 28 de novembro. O 23 de novembro, ás 12:00 horas terá lugar no Parque Reina Sofía unha pérgola-homenaxe ás mulleres vítimas da violencia machista. Para o día seguinte, o 24 de novembro, no Centro Cultural Torrente Ballester terá lugar a inauguración da exposición de pintura Elas, coa actuación de María Manuela. Esta exposición constará de 38 obras de oito mulleres galegas e que estarán expostas ata o 17 de decembro.

O 25 de novembro, terá lugar a partir das 11:30 horas, na Praza da Constitución (Cantón de Molíns) a I Carreira popular contra a Violencia Machista (I Carreira do Muro ‘No es No’), de cinco quilómetros. Esta carreira terá unha inscrición de 6 euros, e os seus beneficios destinarase para que o Concello realice diversos programas formativos destinados a entidades de mulleres maltratadas como Alvixe. Por último, o martes 28 ás 20:00 horas a Casa dá Muller acollerá un acto poético e performance contra a violencia machista, contando coa actuación de pintoras, poetas e músicas ferrolás.

Na Costa da Morte 11 concellos e máis de 250 negocios participan este ano na campaña destacando o compromiso de casas comerciais de Carballo e Zas, e tamén de Cee, Corcubión, Fisterra e Muros.

Carballo participa por segundo na campaña con distintas actividades. Así, do 20 ao 26 deste mes un centenar de establecementos comerciais e hostaleiros converteranse en escaparates do rexeitamento social á violencia utilizando a cor negra como elemento fundamental da súa decoración e difundindo as mensaxes da campaña. Ao longo da semana entregaranse ao alumnado dos colexios de infantil e primaria e ao CRA libros sobre igualdade para as súas bibliotecas. De feito, a poboación escolar é outra das destinatarias da campaña. Deste xeito, o día 23 ás 11 horas desenvolverase no CEIP Xesús San Luís Romero un acto contra a violencia no que participará todo o alumnado e persoal do CIM. O día 24 ás 12 terá lugar na Praza do Concello unha concentración na que se lerá a Declaración Institucional aprobada polo pleno da corporación. O sábado 25 realizarase un apagado simbólico do alumeado tamén na Praza do Concello. Os días 28 e 29 celebrarase no Pazo da Cultura un obradoiro de autodefensa persoal para mulleres e o mércores 29 rematarán os actos coa actuación da Tropa de Trapo, co espectáculo Contamos todas, para o alumnado de 1º de Bacharelato.

Dende o 23 até o 26 de novembro, o concello de Corcubión organizará distintas actividades dirixidas a toda a veciñanza. Así, o 23 de novembro o centro cultural A Capela do Pilar acolle ás 20 horas unha charla sobre “A realidade das mulleres e nenas vítimas da trata”. O vernes, día 24 de novembro, haberá ás 12:30 horas unha concentración e a lectura do manifesto diante da Casa do Concello. E xa pola tarde, ás 16 horas, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de primaria da vila participarán no obradoiro de coeducación Anduriñas.

O concello de Muros, a través do CIM, está a realizar estes días distintas actividades. Asi desenvolveuse na sala de actividades da piscina municipal un curso de “Defensa persoal e autocapacidades” impartido pola academia galega de Seguridade Pública no participaron 20 mulleres. As actividades continúan o mércores 22 coa presentación da guía sobre a igualdade do CIM, feita polos Bolechas. O venres 24, ás 12:30 horas, terá lugar na praza do concello unha concentración e a lectura do Manifesto contra as violencias machista. Xa o sábado 25, o centro cultural e xuvenil de Muros acolle ás 21:30 horas, a obra “Elena: xuizo a unha lurpia” da man de Teatro do Atlántico.

Un total de 120 establecementos de todo o municipio, persoal dos centros de saúde, clubes de fútbol, centros educativos e distintas asociacións, ademais do equipo de goberno e do persoal administrativo do concello de Zas, participan por segundo ano na campaña En Negro Contra as Violencias. Durante toda a semana, os establecementos comerciais tinguirán de negro os seus escaparates e os hostaleiros utilizarán uns salvamanteis específicos para a campaña. O venres 24, ás 12:30 horas, terá lugar unha concentración e a lectura do manifesto contra as violencias machistas diante casa do concello.

En Arousa na campaña deste ano teñen un especial protagonismo os colexios, pois 1.700 alumnos de Vilagarcía van ser os que protagonicen o venres 24 de novembro unha "andaina" reivindicativa contra a violencia de xénero que sairá ás 10.45 horas da Praza dá Segunda República (fronte ao Auditorio) para percorrer as rúas da cidade e finalizar na Praza de Ravella, onde se procederá á lectura do manifesto elaborado polo Consello Local da Muller. Actuarán as Bulideiras e escolares da Lomba realizarán un espectáculo de baile.

A Mariña tamén está sendo moi activa este ano e o venres, 24 de novembro, dentro da campaña #RibadeoenNegro contra a violencia de xénero os actos comezarán ás 12 do mediodía no Cantón (aínda que en caso de choiva poderían trasladarse ao pavillón vello) e neles participarán os centros educativos de Ribadeo, Acisa e todas as entidades que se adheriron á campaña.

Estas son algunhas das moitas actividades que os 75 concellos e os 4113 establecementos e axentes sociais que participan na acción están a desenvolver ao redor de En Negro Contra as Violencias podes seguir todas as novidades sobre a campaña nas nosas redes sociais.