Ver todas as novas

Máis de cen comercios e bares tinguiranse de negro en Zas

10 de Novembro de 2016

Máis de cen comercios e bares do municipio de Zas participan na campaña “En Negro contra a violencia” posta en marcha polo Centro de Información á Muller do Concello de Zas e que se desenvolverá entre os días 18 e 28 de novembro.

O Alcalde, Manuel Muíño, manifesta a súa satisfación pola boa resposta que están dando os pequenos comercios do concello a esta campaña de concienciación. “É un orgullo para un concello de 4.000 habitantes que participen a práctica totalidade dos comercios que foi posible grazas á colaboración da Asociación Empresarios Comarca de Soneira”, sinala Muíño.

Entre os participantes atópanse comercios de todos os sectores; textil, calzado, alimentación, farmacia e parafarmacia, hostelería,… ubicados principalmente en Baio e en Zas.  Na campaña participan tamén tres centros educativos do municipio. Todos os participantes contarán cun distintivo e os seus escaparates, estantes e manequís tinguiránse de negro entre os día 18 e 28 de novembro.

16 concellos participantes

En Negro Contra a Violencia é unha campaña para concienciar á cidadanía sobre a lacra da violencia machista impulsada pola concellería de Igauladade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela. Este ano, son 16 os concellos que se sumaron á iniciativa que se enmarca dentro do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero que terá lugar o vindeiro 25 de novembro. Os concellos participantes son: A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas.

A campaña xa conta cunha páxina de Facebook (www.facebook.com/ennegrocontraaviolencia) na que se actualizan novas e información sobre o transcorrer da campaña en todos os concellos adheridos. Así mesmo, podese seguir a campaña dende a páxina web www.ennegrocontraaviolencia.gal na que ademais de atopar información específica, poderase visionar un mapa con todos os establecementos que participan na campaña.