Ver todas as novas
  • Lugo en negro

Lugo vestirá o negro en repulsa da violencia de xénero

4 de Novembro de 2016

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, acompañada do Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, presentou a campaña nun acto ao que tamén asistiron representantes do colectivo de taxistas de Lugo, de asociacións dos ámbitos da diversidade funcional, da emigración e inmigración; colectivos sociais, comercio, autónomas, empresarias, hostalería, Lugo Monumental e Secretariado Xitano, que tamén se van unir a esta iniciativa, xunto á comunidade educativa.

Tal e como deu a coñecer a edil, con esta campaña, que consiste en ataviar de loito as institucións, comercios ou locais, do 18 ao 28 de novembro, búscase darlle visibilidade e rexeitar, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía. Faise ademais de xeito global e transversal, con coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, social e cultural, para identificar e transmitir a mesma mensaxe a través do loito.

Deste xeito, entidades públicas e privadas, e institucións, berrarán conxuntamente para acabar dunha vez por todas con esta lacra social, porque a violencia de xénero é unha realidade estrutural e multidimensional e un fenómeno global dende o punto de vista territorial, social, económico e cultural; e porque a violencia é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo mero feito de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos casos normalizada, e porque na última década, foron 42 as mulleres asasinadas por violencia machista en Galicia e 656 en España, polo que a decisión ten que ser unánime, subliñou González Abelleira, quen aproveitou para agradecer a colaboración de todos e todas as que se uniron ata o momento, máis de 120 participantes, así como a Deputación; e animou a toda a cidadanía a participar en Lugo en Negro a través da Casa da Muller, no enderezo electrónico  HYPERLINK "mailto:cmuller@concellodelugo.org"cmuller@concellodelugo.org, ou no teléfono 982-29-74-12.

“Debemos deixar de esconder a violencia, porque non é nada privado, senón que é algo que afecta a toda a sociedade en xeral, de aí a necesidade dun pacto estatal e de destinar recursos a esta materia”, concluíu a edil.

Pola súa banda, o Vicepresidente amosou o apoio e colaboración da Deputación e da Fundación TIC “a esta semana lutuosa, a esta semana na que visibilizaremos esas ausencias e eses baleiros que deixan na sociedade as vítimas de violencia de xénero, tanto na vertente da súa máxima expresión, a agresión física, como noutras actitudes”. Neste senso, Santos chamou á implicación da sociedade para que “Lugo, como cidade e como provincia, se vista de negro como símbolo de dor, dunha dor que sirva para reivindicar e para esixir, entre todos, superar a violencia de xénero”.

Ademais do Concello de Lugo, Ames, Cangas, Carballo, Coruña, Ferrol, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui e Zas, engalanaranse conxuntamente de negro.