Ver todas as novas
  • Ferrol en Negro

Ferrol en Negro

7 de Novembro de 2016

A concelleira de Muller e Igualdade, Saínza Ruíz, presentou hoxe a campaña “Contra a violencia. Ferrol en negro”, con motivo do 25 de Novembro, Día Mundial contra a violencia contra a muller, coa que se pretende implicar á cidade “nun irmanamento de todo o comercio e a hostalería na mesma causa; que a cidade saque peito en contra da violencia machista”.

Saínza Ruíz explicou en rolda de prensa que se trata dunha iniciativa que nace en Santiago de Compostela o pasado ano e que dado o seu éxito, tanto na concienciación como no impulso que supón de promoción económica e comercial, este ano decidiron sumarse á mesma arredor de 25 concellos, que dinamizarán as rúas entorno a unha campaña conxunta, cunha mesma imaxe, “tentando acadar así a súa máxima difusión mediática no ámbito autonómico”.

 

Actuacións complementarias

A concelleira lembrou que unha de cada catro mulleres sofren violencia machista que non denuncia por medo, por iso agarda a máxima participación nesta campaña, que non se limitará ao 25 de Novembro, afirmou, senón que se desenvolverá na semana do 18 ao 25 e estará complementada por outras actuacións dende a área de Mocidade, “porque queremos que Ferrol sexa referente na loita contra esta lacra”.

Neste sentido, avanzou a celebración dun Pleno de rapaces dos IES cos que se está traballando en distintos proxectos contra a violencia dirixidos a adolescentes, nun lugar da cidade aínda por determinar.

Ruíz fixo un chamamento ao tecido comercial e hostelero da cidade para que se implique ao máximo na campaña “para visibilizar Ferrol e o seu tecido comercial no mapa en negro polo loito en contra da violencia de xénero”.

As accións a levar a cabo para acadar este obxectivo, informou Ruíz, teñen a ver con tinguir os escaparates e vestir os manequís de negro, con camisetas que leven o lema da campaña, así como amosar distintos cartaces con lemas e datos sobre a situación actual da violencia contra a muller.

 

Respaldo do concello

“Preténdese un grande impacto visual na cidade ata onde cheguen os nosos medios e as nosas posibilidades orzamentarias”, engadiu, salientando que o deseño da campaña acaba de acadar o Premio de Comunicación ao Mellor Deseño Gráfico (Uqui Permuy), que concede o Cluster de Comunicación de Galicia.

A concellería de Muller e Igualdade respaldará a publicidade, campaña en redes sociais e en prensa, material web, audiovisual, comunicacional, cartelería, camisetas etc “ata onde nos sexa posible -afirmou Saínza Ruíz- para o resto, precisamos o apoio e a colaboración dos comercios, para que colaboren cos seus propios medios, “xa que obviamente o concello non pode cubrir toda a cidade e o noso foco de actuación será a Magdalena”.

 

Censo de participantes

Para participar e poder dispor dun censo que facilite o reparto de recursos, a concelleira animou a inscribirse no emailcim@ferrol.es ata o 16 deste mes. De non figurar no censo, explicou que os establecementos, obviamente, tamén poderán participar na campaña pero dende o concello non se lles pode garantir o aporte de material.

“Ferrol en negro” contará cunha web de dominio compartido entre os concellos participantes así como a súa pestaña propia, “onde queremos que aparezan o maior número de puntos (establecementos) negros posibles”, afirmou Ruíz.

Finalmente, a concelleira, que mantivo diferentes encontros con todas as asociacións comerciais e hosteleras da cidade para consensuar a campaña, quixo agradecer a súa colaboración, así como ás técnicas da área de Muller, polo traballo de campo que están a realizar, e ao concello de Santiago, pola iniciativa conxunta.