Ver todas as novas
  • Foto grupo asinatura protocolo

Asinado o protocolo para “En negro contra as violencias machistas”

15 de Novembro de 2017

Hoxe o Pazo de Raxoi acolleu o acto de sinatura do protocolo para a campaña “En negro contra as violencias machistas”, ao que asistiron representantes de 60 dos 75 concellos e deputacións adheridas.

O acto comezou cunha foto de familia na Praza do Obradoiro e continuou coas intervencións no Salón Nobre, conducidas pola concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, quen agradeceu a asistencia e destacou “ a gran potencia do municipalismo galego e os froitos que nos dan a colaboración e o traballo en rede entre todos e todas. Mais tamén abre un momento de reivindicar un pacto social e político real contra as violencias machistas”.

Pola súa banda, a deputada da Área de promoción económica e social da Deputación de Lugo, Sonsoles López, destacou a implicación de toda a provincia de Lugo “con catorce concellos que se sumaron á campaña” e lembrou os “arrepiantes datos” de violencia machista en Galicia e no Estado pedindo “nin unha muller máis” asasinada.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, definiu a campaña como a “imaxe dese combate e denuncia contra unha situación que non pode continuar máis. É por iso temos que sumar forzas”.

O rexedor de Manzaneda, Félix Domínguez, apostou polo local asegurando que “dende os concellos temos que loitar contra todas as formas de desigualdade”.

Para a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, son importantes campañas deste tipo para “facerlle ver a homes, mais tamén ás mulleres que nos rodean, que non somos propiedade de ninguén”.

A alcaldesa de Sarria, María Pilar López, asegura que para ela é unha “gran satisfacción ver que nenos e nenas de todos os deportes en Sarria acudiron en masa a transmitir que a solución a tan grave problema social está na nosa man”.

A rexedora de Tomiño, Sandra González, quixo lembrarse “das bágoas dunha muller que acudiu á alcaldía. Esa historia rematou ben pero das que non o fan están cheos os xornais” e puxo o foco en que “a violencia non se chega da noite para a mañá”.

Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, asegura que “que haxa 75 concellos e 3 deputacións chama a atención porque amosa que as administracións máis cercanas á cidadanía estamos preocupadas por esta lacra social”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou a súa “ledicia” porque “cada ano somos máis” e reivindicou o feminismo como “unha ferramenta que se creou para loitar contra a desigualdade”.

Finalmente, Martiño Noriega quixo agradecer o “esforzo feito por todas e todas ao abandonar as obrigas diarias e participar deste acto”. Noriega lembrou que “a campaña naceu no 2015 como unha maneira de tecer redes e desbordou as expectativas porque a propia xente a fixo súa”.

O acto rematou coa sinatura do protocolo no Salón Verde do Concello por parte dos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras presentes.

Sensibilización cidadá

Os obxectivos da campaña pasan por fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas, ademais de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social como forma de resposta colectiva ante as violencias. O uso de materiais específicos da campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais axudará a identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.