Ver todas as novas

Ames tinguirase de negro para amosar a repulsa contra a violencia de xénero

15 de Novembro de 2016

Establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, ANPAs e centros escolares responderon masivamente ao chamamento do Concello de Ames, para formar parte da campaña contra a violencia de xénero “Ames en Negro”. Trátase de facer visible a protesta contra esta lacra social a través de camisetas, manteis, mandís, lonas e outros distintivos que amosen a repulsa da sociedade fronte á violencia machista. A campaña, que naceu en Compostela o ano pasado, e se estende desta volta a cerca de vinte concellos máis, entre os que se se atopa o de Ames, conta cun dominio web, ennegrocontraaviolencia.gal, no que calquera pode descargar os recursos e no que cada concello marcará ademais os puntos cos establecementos colaboradores. Esta campaña desenvolverase entre 18 e o 28 de novembro e encádrase dentro dos actos que este ano programa o Concello de Ames co gallo do “Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres”.

O Concello repartirá 700 camisetas (400 fíxoas a propia institución e 300 foron cedidas por Gadisa). A intención é que os escaparates, as mesas dos restaurantes, as instalacións deportivas, o alumnado dos colexios e dos institutos, en definitiva toda a cidadanía amose a través destes distintivos a repulsa que provocan os actos de violencia contra as mulleres. “Pretendemos que Ames se tinga enteiramente de negro; a idea é que toda a cidadanía participe, de xeito que cando merquemos o pan a dependenta teña posto un mandil negro, que cando vaiamos a un restaurante nos sirvan nun mantel co lema da campaña, que cando os rapaces xoguen no seu equipo de fútbol leven postas as camisetas, queremos que toda a cidadanía se implique para que a visibilidade da repulsa contra a violencia de xénero se faga absolutamente patente, declara a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, que convida a toda a cidadanía a sumarse a esta proposta descargando os recursos da campaña e vestindo de negro persoas, instalacións e locais. 

Na páxina ennegrocontraaviolencia.gal, ademais dos logos das camisetas pódense descargar carteis negros con lemas como: “Espazo de violencia machista”, “Respecta as miñas decisións”, “Non son o teu dono”, “Si é si, non é non”, “Son libre de decidir a miña vida”, “1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non denuncia por medo”, 3 de cada mulleres maiores de 16 anos somos vítimas dalgún tipo de violencia machista”. Na mesma páxina tamén se poden descargar os logos específicos de cada concello e ver os mapas con puntos negros que marcan os establecementos e entidades que se adheriron á campaña. A campaña levarase a cabo entre o 18 e o 25 de novembro e tamén está presente en tamén está presente Estratexia de márketing para nas Redes Sociais: Facebook (@ennegrocontraaviolencia), Twitter e Instagram.

Xornadas de Igualdade
Por outra banda, e tamén ao abeiro da celebración do “Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres”, o Concello de Ames organiza a VI edición das Xornadas Acércate: Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, Ames 2016. Estas xornadas comezan este xoves 17 de novembro. Pola mañá estarán dirixidas a profesionais e estudantes de carreiras e ciclos que teñan que ver con este asunto. Pola tarde está prevista a realización dos obradoiros: “Sexualidade e bo trato”, “Estratexias para o benestar”, “Regulación emocional e Mindfulness”, Rosa ou azul, unha educación á marxe dos estereotipos de xénero” e “Como desenvolver a nosa autoconfianza cara o liderado persoal”. As persoas interesadas nestes obradoiros aínda están a tempo de apuntarse chamando ao teléfono 981 535 941. 

Por outra banda, e co obxectivo de levar a información e concienciar ao sector máis novo da poboación sobre esta lacra social, o día 25 de novembro levaranse a cabo nos IES de Ames e no IES do Milladoiro talleres de igualdade e prevención para o alumnado da ESO. Aixa Permuy, educadora social e pedagoga, investigadora en emocionalidade e xéneros, responsable do programa de mediación en Negreira, será a encargada de impartir estes talleres a este segmento de poboación no que segundo os últimos estudos, se aprecia un rexurdimento preocupante das actitudes machistas. 

Acto Institucional no Paseo Carme Amado
Tamén o día 25 de novembro, terá lugar no Paseo Carme Amado o acto Institucional que organiza o concello co gallo do “Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres”. Neste acto darase lectura ao Manifesto Institucional e o alumnado do IES de Ames plantará dúas árbores en lembranza de Carme Amado, a primeira muller vítima da violencia machista no Concello de Ames.