A través deste formulario podes confimar a participación do teu concello –ou Deputación– na campaña #EnNegroContraAsViolencias 2019.


 

FIRMA DO PROTOCOLO DE COLABORACIÓN COA ACCIÓN EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS E CO RESTO DE CONCELLOS PARTICIPANTES

EXPOÑEN

Que o 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Que a violencia de xénero é unha realidade estrutural e multidimensional (física, económica, psicolóxica ou sexual) e un fenómeno global desde o punto de vista territorial, social, económico e cultural.

Que a violencia de xénero é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos, casos normalizada, que afecta, na maioría dos casos, tamén ás e aos menores.

Que a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, prevé no seu artigo 3.2 que os poderes públicos, no marco das súas compentencias, impulsen campañas de información e sensibilización específicas co fin de previr a violencia de xénero. Do mesmo xeito, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero formula no Capítulo I medidas de sensibilización contra a violencia de xénero e no artigo 6 o deseño, elaboración e difusión de campañas para tal fin.

Que o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes establece como obxectivo operativo impulsar a prevención de situacións xeradoras de violencia de xénero en todas as súas formas e ámbitos así como tamén inclúe medidas para a realización de xornadas, charlas, obradoiros, exposicións e outras actividades que acheguen ao conxunto da cidadanía información sobre a violencia de xénero e as súas manifestacións.

Que, ante os datos rexistrados: máis de mil mulleres asasinadas desde o 2003 no conxunto do Estado; 42 durante este ano, 3 de elas en Galicia, son as cifras oficiais ás que temos que sumar moitas outras vítimas que tamén morreron por causa do machismo, como a irmá e a nai da veciña de Valga. Ademáis dos menores asasinadas/os, así como o aumento da vulnerabilidade fronte á violencia de xénero das mulleres a idades cada vez máis temperás, , cómpre actuar a través do desenvolvemento de programas e accións de prevención e sensibilización.

Que, ao abeiro do anterior, da demais lexislación aplicable e dos plans e normas que cada unha das entidades asinantes teñen aprobados, especialmente os Plans Municipais para a Igualdade entre Mulleres e Homes, todos os concellos veñen desenvolvendo liñas de actuación, de xeito autónomo ou en colaboración con outras entidades, destinadas a promover a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres e as súas fillas e fillos, dentro das cales se inclúe o obxecto deste protocolo.

Con base nestas consideracións

ACORDAN

Primeiro
Asinar este protocolo de colaboración para a organización conxunta dunha campaña de sensibilización no marco do día internacional contra a violencia de xénero, 25 de novembro de 2019, baixo a denominación En Negro Contra as Violencias.

Segundo
Os obxectivos desta campaña son:
:: Fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas.

:: Implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas.

:: Promover a transversalidade de xénero nas accións e políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención, eliminación e tratamento das violencias de xénero en todos os ámbitos.

:: Identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais.

Terceiro
De cara a cumprir os obxectivos organizaranse coordinadamente as seguintes accións:
:: Promover a implicación dos axentes sociais e económicos municipais para tinguir de negro o rural, as vilas e as cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.
:: Coordinación xeral para promover o desenvolvemento da campaña.
:: Ferramentas para implementar o deseño en cada concello.
:: Difundir a campaña En Negro Contra As Violencias mediante a utilización dos distintos materiais identificativos e redes sociais.
:: Cesión de espazos para a distribución de material informativo.

Cuarto
Os concellos/deputacións comprométese a garantir un financiamento suficiente e estable para unha eficaz e eficiente difusión da campaña. Así mesmo, farán unha declaración institucional repudiando tódalas formas de violencia contra as mulleres no marco do día 25de novembro.
As Deputacións comprométense a editar e distribuír, segundo seu criterio, material da campaña En Negro Contra as Violencias entre os concellos adheridos da súa provincia, tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria.

Quinto
A interlocución necesaria para a xestión e organización do proxecto realizarase a través dos departamentos de igualdade, centros de información ás mulleres ou outros departamentos en quen delegue a representación de cada entidade.

Sexto
As imaxes que se deseñen para o proxecto serán de código aberto e acceso libre para toda a poboación, estarán libres de dereitos e de propiedade intelectual e poñeranse a disposición da cidadanía a través da web da campaña ennegrocontraasviolencias.gal. Esas serán as únicas imaxes oficiais da campaña e estarán suxeitas a unha licencia CCC.

Recoñecemento – NonComercial – CompartirIgual (by-nc-sa): Débese recoñecer axeitadamente a súa autoría, non se permite un uso comercial da obra orixinal nin das posibles obras derivadas, a súa distribución debe facerse cunha licenza igual á que regulamenta a obra orixinal.

Sétimo
O presente protocolo de colaboración abrangue, en especial, os meses de setembro a novembro de 2019, podendo estenderse a outras accións de coordinación, presentación de resultados, e avaliacións posteriores relacionadas co desenvolvemento da campaña En Negro Contra as Violencias.

Oitavo
Para a efectividade deste protocolo, cada entidade deberá tomar os acordos internos que correspondan consonte á normativa, nomeadamente no que toca á disposición dos gastos necesarios para o desenvolvemento das accións previstas. En caso de que algunha entidade non complete este proceso, quedará fóra das actuacións conxuntas.

En proba de conformidade e para a debida constancia, asinan este protocolo no lugar e data sinalados ao comezo.