Ver todas as novas

Vilalba súmase á campaña ‘En negro contra a violencia’

8 de Novembro de 2016

A campaña pretende sensibilizar sobre a violencia machista coincidindo co 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Os establecementos participantes tinguirán de negro os seus locais entre o 18 e o 28 de novembro.

Vilalba únese a outros 15 concellos galegos que participan na campaña de concienciación "En Negro contra a violencia”.

Deste xeito, entre o 18 e o 28 de novembro os comercios vilalbeses están convidados a vestir de loito os seus escaparates, empregar distintivos da campaña ou empregar camisetas con lemas contra a violencia de xénero seguindo a iniciativa do Concello de Santiago de Compostela que lograba o ano pasado tinguir de negro a preto de 300 establecementos comerciais.

"Sempre libre e viva", "1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non denuncia por medo" ou "espazo libre de violencia machista" son algunhas das mensaxes que conteñen os carteis que pendurarán dos establecementos participantes xunto ao logo xenérico "Contra a violencia" acompañado dun triángulo invertido.

A concelleira de servizos sociais e igualdade, María Flor Rey, recorda que se trata dunha campaña de sensibilización social en sinal de dor pola violencia machista. Así mesmo, considera que debe ser "unha prioridade para tódalas administracións, tamén as locais, a loita contra a violencia de xénero".

Na mesma liña, o alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, manifesta en nome de tódolos vilalbeses e vilalbesas "a repulsa ante a violencia de xénero" a pesar da súa "difícil solución ao tratarse dunha conduta debida á concepción social arraigada sobre o rol predominante do home e subordinación da muller que tamén recollen algunhas relixións". Xunto a este pequeno grao de area, Baamonde manifesta "o compromiso do Concello nesta loita, por obrigación e convicción".

Ao remate da campaña, un vídeo recollerá as imaxes sobre a participación dos establecementos dos 16 concellos galegos adheridos entre os que se atopan os lucenses de Lugo, Sarria, Ribadeo e Vilalba.

A pesar de que o Concello e o CIM de Vilalba comezaron xa os contactos cos establecementos comerciais, calquera interesado en participar pode contactar coa organización a través do enderezo electrónico vilalbaennegro