Ver todas as novas
  • #GaliciaEnNegro

En negro contra as violencias, máis aló dos escaparates...

21 de Novembro de 2018

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e convidou gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación respecto á situación de violencia na que viven moitas mulleres, unha violencia estrutural e multidimensional (física, económica, psicolóxica ou sexual) e un fenómeno global desde o punto de vista territorial, social, económico e cultural.

Sabemos que a violencia de xénero é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos, casos normalizada, que afecta, na maioría dos casos, tamén ás e aos menores. É por iso que, en 2015, o Concello de Santiago puxo en marcha unha acción de sensibilización social contra as violencias machistas baseda na participación cidadá e na colocación, na rúa, dunha mensaxe clara de reivindicación de “espazos libres de violencias machistas”. Tanto o posto do mercado, o bar do barrio, a tenda de alimentación, a panadaría, a peixaría, o hotel de máis categoría, o de menos…, ou o que é o mesmo, o tendeiro, a panadeira, a peixeira, o recepcionista, a camareira, todas e todos, trasladando á veciñanza unha mensaxe unánime contra a violencia de xénero.

Esta acción foi seguida por varios medios de comunicación e por milleiros de persoas a través da redes sociais e deu lugar, en 2016 a unha campaña conxunta que promoveron, xunto a Compostela, 16 concellos galegos baixo o lema #EnNegroContraAsViolencias. Estes 17 primeiros municipios reafirmaron o seu compromiso cunha acción que requeriu dun deseño global que permitiu accións locais coordinadas baixo unha mesma metodoloxía, formalizada a través da sinatura dun protocolo de colaboración para o desenvolvemento da mesma. A este protocolo sumaríanse moitas máis institucións co paso dos meses, chegando, en 2017 a 78 entidades locais entre as que se atopan as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra, tamén axentes promotores de #EnNegroContraAsViolencias 2018, xunto a máis de 100 concellos.

O salto cuantitativo entre 2016 e 2018 é enorme. Pero o máis importante non é o número de concellos senón que esta acción conxunta que naceu na cidade está chegando ao rural, a concellos, de, incluso, menos de 1.000 habitantes que, doutro xeito, non poderían desenvolver unha campaña coma esta, que sitúa no mesmo nivel aldeas, vilas e cidades. Porque ver pendurado dunha ventá #RibeiraDePiquínEnNegro contra as violencias machistas ten o mesmo ou maior impacto que ler #CompostelaEnNegro pendurado da Catedral de Santiago. Trátase dunha campaña transmedia de sensibilización social que se desenvolve baixo unha perspectiva transversal, comunitaria e en rede con outros municipios, para concienciar a cidadanía sobre a existencia de diferentes formas de violencia machista que constitúen un grave problema social. Desde o inicio, #EnNegroContraAsViolencias buscou implicar o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e os asasinatos machistas. Tamén apostou por identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións que están detrás das violencias de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos, de código aberto e de libre uso para toda a poboación.

O potencial da dimensión comunitaria e o xurdimento da poboación como axente de implementación da iniciativa levaron ao grande éxito desta campaña. Un éxito que non é produto do investimento en grandes recursos económicos nin dun proceso de traballo extenso no tempo, senón da integración real e efectiva da cidadanía na posta en marcha da iniciativa. A dimensión comunitaria da campaña ten o seu principal reflexo na apropiación da mensaxe por parte da poboación destinataria. Así, por exemplo, o tecido comercial adaptou a mensaxe á propia imaxe dos comercios e iso facilitou que a campaña chegase a sectores da poboación, como pode ser a xente moza, aos que normalmente é moi difícil chegar.

Esta iniciativa, que vai moito máis aló dos escaparates, está a sentar as bases dunha colaboración intermunicipal na que o persoal técnico e político comparten empeño por empregar metodoloxías de traballo, ferramentas e recursos para previr, visibilizar e denunciar as violencias machistas. Ao tempo, este traballo en rede está permitindo desenvolver sinerxías entre as administracións para que accións deste tipo non deixen de estar no calendario.

Esta campaña tamén fomenta a participación social de abaixo a arriba, tomando o protagonismo das rúas das vilas e cidades, as tendas de barrio, as asociacións veciñais, os equipos deportivos... que insisten a través das canles ao seu alcance, en que queren concellos libres de violencias machistas. Atopamos propostas que van desde o cinema feminista de denuncia ata os escaparates en negro, pasando por contacontos, obradoiros de defensa persoal, concertos contra as violencias machistas, recitais poéticos, balcóns en negro, ventás convertidas en taboleiros-protesta...

#EnNegroContraAsViolencias está xerando unha construción colectiva do discurso, unha democratización da información e a apropiación dunha acción colectiva, ao transformar en mensaxe pública o que está na conciencia de case todas, de case todos…, ao trasladar ás redes sociais, aos medios de comunicación, ás webs institucionais, unha demanda social de basta xa!

Do mesmo xeito, esta campaña está fomentando que as mulleres que sofren ou sufriron violencias machistas sintan a necesidade de contalo, de seren parte desas mensaxes que se xeran, para combater a situación e previr que outras mulleres poidan pasar polo mesmo. Porque esta campaña interpela a propia cidadanía a pé de rúa, mais tamén nos fogares. Saca fóra un problema social, agochado e silenciado no marco da familia.

#EnNegroContraAsViolencias está permitindo tamén dar a coñecer os recursos municipais para a promoción da igualdade, os servizos sociais e os centros de información ás mulleres, tan invisibles despois de máis de vinte anos de existencia. En palabras das propias técnicas, “nunca tanta xente soubo que existiamos como recurso especializado”.

É probable que nesta campaña participe un comercio, un veciño, unha empresa…, que desexe facelo por “quedar ben”, pero ata ese mesmo feito posibilita chegar ese día ao traballo e poder falar do tema, rematar coa censura invisible dos discursos patriarcais do xefe, do encargado, que pensan que si, que “son o teu dono” ou que ela “levaba a saia demasiado curta”.

Evidentemente, #EnNegroContraAsViolencia non esconde o acoso que se dá nas empresas, nin limpa a súa imaxe, senón, ao revés, fai fincapé en que non imos aturar máis abusos e dá azos para combatelos colectivamente. Esta iniciativa está contribuíndo, desde diferentes ámbitos, a denunciar a situación na que vivimos as mulleres, a visibilizar nas rúas un problema social e a fomentar a prevención de actitudes machistas, porque igual de importante é debater de feminismo con outras feministas, para avanzar, como incorporar ese ideario noutros ámbitos nos que está ausente.

Este artigo foi publicado no Xornal Compostela En Negro. Podes descargar o xornal completo nesta ligazón