Ver todas as novas
  • sinatura do protocolo

Dezasete concellos únense á campaña

17 de Novembro de 2016

O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a sinatura dun protocolo de colaboración entre os 17 concellos adheridos á campaña En negro contra a violencia. No acto estiveron representados 15 destes consistorios, en concreto polos os alcaldes e alcaldesas de Ames, José Manuel Miñones; Lugo, Lara Méndez; Ribadeo, Fernando Suárez; Santiago, Martiño Noriega; Sarria, Pilar López; Vilaba, Agustín Baamonde e Zas, Manuel Muíño. Tamén estiveron os concelleiros e concelleiras de Igualdade de Cangas, Tomás Hermelo; Carballo, María del Carmen Ures; A Coruña, Rocío Fraga; Ferrol, Sainza Ruíz; Poio, Rosa Fernández; Sada, Isabel Reimúndez; Teo, Ignacio Iglesias e Tui, Laureano Alonso.

Os obxectivos da campaña son o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais.

A campaña comeza mañá venres 18 e rematará o 25 de novembro de forma simultánea en todos os concellos adheridos. De momento son máis de 2.000 os establecementos e entidades que participarán da campaña nos 17 concellos.