Ver todas as novas
  • Marta Lois

Compostela en Negro

2 de Novembro de 2016

A violencia contra as mulleres é un dos problemas públicos máis graves que temos na nosa sociedade e cómpre desenvolver políticas públicas transversais que estean dirixidas a acabar con esta lacra. Os datos son arrepiantes, xa que no que vai de ano producíronse 46 asasinatos de mulleres no conxunto do Estado, 2 en Galicia.

Marta Lois explicou que "hai uns días que comezamos a facer un primeiro chamamento aos establecementos e axentes sociais da cidade para que participasen. De novo a resposta está sendo impresionante, contando, a día de hoxe, con cerca de 400 apoios de establecementos e axentes sociais. Destes, en torno a un 50% xa participaron o ano pasado, pero cerca doutros 200 participan por primeira vez".

Son moitos os pequenos establecementos da cidade que quixeron sumarse a esta segunda edición da campaña e, ademais, repiten tamén algunhas das principais firmas galegas. Os centros comerciais de Área Central, El Corte Inglés e As Cancelas, así como a emblemática Praza de Abastos, súmanse tamén a esta campaña que tinguirá de negro os seus establecementos.

En canto aos novos apoios, obsérvase un incremento significativo do número de bares e restaurantes, axudados polo feito de que o sector turístico estea xa implicado noutro proxecto a prol da igualdade impulsado tamén polo Concello e que leva por nome Compostela, Territorio das Mulleres.

A campaña tamén está aberta este ano a que participen axentes deportivos da cidade e os centros educativos. O Festival Cineuropa repite a experiencia do ano pasado e, ademais de organizar o día 25 de novembro unha sesión específica de películas que abordan esta problemática, entre o 18 e o 28 de novembro proxectarase ao comezo de todos os filmes a imaxe Contra a Violencia. Por primeira vez contaremos coa participación da Real Filharmonía de Galicia, que incorporará a imaxe da campaña no concerto do día 24 no Auditorio de Galicia.

A concelleira quixo facer tamén unha mención especial "ao voluntariado da Universidade. Así, grazas á colaboración do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, contaremos cun grupo de persoas voluntarias que axudarán na organización e loxística da campaña, principalmente nas tarefas de reparto de material que se desenvolverán entre o 7 e 18 de novembro, e que terán como punto de referencia o Matadoiro Compostela,  outro axente colaborador desta campaña".

Participación de 16 concellos 
A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas son os 15 concellos que se suman á campaña impulsada o ano pasado dende Santiago para concienciar sobre a lacra das violencias machistas. A colaboración de todos estes concellos e o traslado da marca creada o ano pasado concretarase nas vindeiras semanas mediante a sinatura dun protocolo na que estarán presentes os 15 concellos.

Disporase dunha páxina en Facebook e dunha conta en Twitter, nas que se actualizarán noticias e información sobre o transcorrer da campaña en todos os concellos adheridos. Así mesmo, nos próximos días estará operativa unha web, ennegrocontraaviolencia.gal, na que ademais de atopar información específica, se poderá visionar un mapa con todos os establecementos que están participando na campaña nos 16 concellos.